Ferrol ensínase na Semana Santa

Ferrol ensínase na Semana Santa

07 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol pon en marcha durante a Semana Santa, celebración por antonomasia da cidade naval e un dos seus principais reclamos ao estar considerada de Interese Turístico Nacional, unha completa oferta de visitas guiadas para descubrir aos turistas, mais tamén aos propios ferroláns e ferrolás que así o desexen, o seu patrimonio cultural, arquitectónico, paisaxístico e histórico. Así o anunciaba hoxe o concelleiro de Promoci

Deste xeito, poderase realizar un paseo en barco pola ría, coñecer o Arsenal, desfrutar cos encantos do barrio histórico da Magdalena ou ver como se levan a cabo os preparativos da Semana Santa, entre outras propostas. En definitiva: descubrir a verdadeira esencia da cidade.

 

Xa polo miúdo, o responsable das políticas turísticas da Administración local explicaba que hai programadas seis rutas distintas. Catro delas comenzarán o propio Xoves Santo, día 9 de abril, mentres que as outras dúas levaránse a cabo o sábado e o domingo. Para participar nas mesmas non é necesario realizar inscrición previa xa que, tal e como apuntou o edil, tan só é preciso presentarse media hora antes do comezo da visita no correspondente punto de encontro, que será a oficina de turismo do porto ou ben a do barrio da Magdalena. Porén, no caso da ruta polo Castelo de San Felipe, o lugar de reunión será a oficina de recepción de visitantes situada á entrada do mesmo. Os prezos oscilarán entre os 3 e os 5 euros, agás no caso dos menores de 12 anos e as persoas maiores de 65, que poden tomar parte nas rutas de xeito completamente gratuíto. En canto ao número máximo de participantes cómpre indicar que será de 50 persoas por grupo, excepto no caso do Arsenal (30) e no da ría de Ferrol (100). Así mesmo, a duración prevista oscilará entre unha e dúas horas.

 

Doutra banda, Ramón Veloso tamén sinalou que, tendo en conta o importante papel que xoga a Semana Santa á hora de atraer a Ferrol aos turistas, os percorridos que se levarán a cabo polo casco urbano da cidade terán como punto de parada obrigada locais das distintas confrarías, para poder coñecer máis de preto como se levan a cabo todos os preparativos para as procesións. Así mesmo, tamén subliñou que as persoas encargadas de ofrecer as explicacións dominan varios idiomas, aspecto que facilitará a comprensión por parte de todas aquelas persoas que procedan doutros países.

 

Percorridos

 

O concelleiro de Promoción Turística sinalou que os percorridos das visitas están incluídos na guía que a Administración local vén de editar con todas as actividades que se poden realizar ao longo da semana en Ferrol e que se están a distribuír en diversos puntos de España. Así, a primeira das visitas guiadas promovida pola institución municipal levará aos turistas a descubrir o Arsenal militar. Esta terá lugar os días 9, 10, 11 e 12, con saída dende a oficina de turismo do porto ás 11 horas. O prezo é de 3 euros e a duración aproximada, de dúas horas. Tamén nesas datas, se poderá contemplar en barco o fermoso entorno natural da ría de Ferrol. O punto de partida será de igual maneira a oficina de turismo do porto, neste caso ás 12 horas, cun prezo de 5 euros por persoa.

 

Non podía faltar tampouco nesta oferta o percorrido polo Castelo de San Felipe. Todo un símbolo da historia de Ferrol que os visitantes poderán coñecer a través das rutas guiadas que se levarán a cabo o 9, 10, 11 e 12 de abril. O prezo é de 3 euros máis 1,10 que costa a entrada ao recinto. A hora de comezo será as 17 horas, tendo como punto de reunión a oficina de recepción de visitantes situada á entrada do mesmo.

 

E xa na Magdalena, hai tres rutas previstas. Unha delas, para o Xoves e o Venres Santo, servirá para dar a coñecer entre os visitantes os principais monumentos deste histórico barrio da Ilustración. A hora de comezo será ás catro e media da tarde dende a oficina de turismo situada en dito barrio, cun prezo de 3 euros. Tamén partirá dende estas dependencias municipais outra das propostas, a cal levará a coñecer a Magdalena a través da vida e obra do ilustre escritor ferrolán Gonzalo Torrente Ballester. Será o sábado 11 a partir das 16.30 horas cun prezo de 3 euros e unha duración aproximada de hora e media. E por último, o modernismo e outras correntes arquitectónicas do século XX serán os protagonistas o domingo 12 dunha ruta que, ademais, inclúe coñecer por dentro o Teatro Jofre. A hora de inicio será tamén ás catro e media da tarde e o prezo, igualmente, de 3 euros.

 

 

Sociedade