Ferrol lembra a Carvalho Calero no centenario.

Ferrol lembra a Carvalho Calero no centenario.

09 de Decembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os encontros “Carvalho Calero, de Ferrol para o mundo” comezan o venres 10 de decembro na Biblioteca Municipal da Praza de España. Organiza o Concello de Ferrol para conmemorar o centenario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago de Compostela, 1990), ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

A concelleira de Educación e Cultura, Mercedes Carbajales, lembrou esta mañá que para asistir a estas xornadas é preciso formalizar a inscrición -esta é gratuíta- na páxina web www.ferrol.es/inscricion_carvalhocalero.aspx, onde haberá que cubrir o correspondente formulario e remitilo ao Negociado de Educación. Tamén se pode enviar por correo electrónico á dirección carvalhocalero.educacion@ferrol.es ou por fax ao número 981 945 110. As prazas son limitadas, polo que se outorgarán por rigurosa orde de inscrición.

A edil Mercedes Carbajales avanzou que serán diversos os aspectos que se abordarán ao longo das conferencias programadas ao abeiro destes encontros, que se desenvolverán en horario de mañá e tarde este venres e sábado. Entre estes, o papel de Ricardo Carvalho Calero na política galeguista, a súa creación literaria, o ensaio lingüístico ou aspectos da súa biografía. O obxectivo desta programación, tal e como subliñou, é contribuír a que a memoria de Carvalho Calero permaneza na sociedade ferrolá e galega como un peso pesado da nosa cultura nun ano no que tamén se está a conmemorar o centenario do nacemento doutro ilustre ferrolán: Gonzalo Torrente Ballester.

Sociedade