Ferrol perdeu o medo

Ferrol perdeu o medo
05 de Decembro, 2022 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

“Leváronme nun coche á clínica San Javier e quedei sen coñecemento non sei canto tempo. Iso puido ser o motivo polo que saíra a idea de que morrera”. “O 72 para min foi perder o medo. O pobo de Ferrol perdeu o medo”. “Vimos caer feridos a compañeiros sangrando e remata aquilo con máis de cincuenta feridos oficiais, dous mortos, un moi grave”. Julio Aneiros, Manuel Amor Deus e José María Rioboo deixaron as súas testemuñas en Radio Fene. Eles xa faleceron pero deixaron tras de si un importante legado, o seu compromiso na loita pola democracia. Aneiros, Amor Deus e Rioboo son tres dos protagonistas dos sucesos do 10 de marzo de 1972. Este ano conmemorase o cincuentenario daqueles acontecementos, dos que trata un documental do director Roi Cagiao que se proxecta no Duplex cinema de Esteiro, en Ferrol.

ESCOITA O PODCAST:

“Suscítame emoción que haxa xente capaz de xogar a vida e a súa integridade física por un ideal colectivo, de solidariedade, de xustiza e de progreso social”, declarou a Radio Fene o, director da película “10 de marzo”, que concibe o seu documental como unha homenaxe aos protagonistas. Tamén aspira a que dea a coñecer a nosa historia ás novas xeración. “É un plus de emoción. Impresiona porque sabes que ten un significado especial para ese público”, asegura sobre a proxección da película en Ferrol. Este documental e o que gravou sobre a folga de setembro en Vigo forma “un díptico no que se fala dese ano tan importante en Galicia, que se sitúa na vangarda antifranquista”. Cagiao ten claro que os dous feitos teñen unha conexión evidente “en principio en torno ás organizacións que os promoveron”, pero tamén porque “cando se producen as mortes de Daniel e de Amador, hai unha chamada a Vigo, aos poucos minutos e os estaleiros páranse. Vigo estivo en folga una semana, en solidariedade con Ferrol. E os dirixentes déronse conta de que o movemento obreiro en Vigo estaba o suficientemente maduro como para facer unha folga. A conciencia da posibilidade de facer a folga en Vigo xorde debido á forza da solidariedade con Ferrol. Hai unha relación ata certo punto causal”, sinala

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora