Ferrol pide as Letras do 2011 para Carvalho Calero

Ferrol pide as Letras do 2011 para Carvalho Calero

13 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O concello de Ferrol aprobou as bases do XVIII Certame Literario e Lingüístico Ricardo Carvalho Calero que terá unha maior relevancia este ano toda vez que neste 2010 se celebra o centenario do nacemento do ilustre filólogo e escritor, membro numerario da Real Academia Galega e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

O Concello celebrará no mes de outubro unhas xornadas na súa memoria cuxo remate se fará coincidir coa entrega deste prestixioso premio, convocado en colaboración coa Asociación Cultural Medulio. Unha iniciativa que tal e como destacou a edil de Cultura, Mercedes Carbajales, servirá para rendir unha homenaxe á achega fundamental que fixo á cultura do país Carvalho Calero -Ferrol, 1910- e pola que o Concello e a sociedade en xeral reivindican o Día das Letras Galegas do 2011 para o ferrolán. Unha petición que xa fixera chegar á Real Academia Galega e que o Concello confía acadar para o 17 de Maio do próximo ano.

Segundo as bases do certame, elaboradas coa entidade Medulio, haberá dúas modalidades: Ensaio e Creación Literaria ou Narración Curta. O prazo para remitir os traballos, que terán que estar escritos en lingua galega con liberdade normativa e ser inéditos, abriráse do 15 de abril ao 15 de xuño. Deberanse entregar no Rexistro Xeral do Concello de Ferrol indicando no sobre “XVIII Certamen Carvalho Calero” .

A dotación para cada unha das modalidades, será de 3.700 euros e os traballos serán publicados polo Concello de Ferrol. Por outra banda, a concelleira de Cultura avanzou que este premio pasará a ser bianual, polo que a próxima edición celebraráse no ano 2012.

Sociedade