Ferrol prepara a Noite das Pepitas

Ferrol prepara a Noite das Pepitas

17 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Unha festa única no mundo. Ferrol prepárase para celebrar mañá, véspera de San Xosé, a Noite das Pepitas. As rondallas inundan as rúas céntricas do barrio da Magdalena con cánticos á muller ferrolana. Algúns estudosos datan as orixes desta celebración a finais do século XVIII. Daquela o dia de San Xosé era o único festivo do ano para os traballadores dos estaleiros.

O Concello de Ferrol, co alcalde, Vicente Irisarri, á cabeza, invita a toda a cidadanía a participar dos actos programados con motivo da celebración mañá mércores e véspera de San Xosé, da tradicional e sempre emocionante Noite das Pepitas, unha das principais festas ferrolás e que sen dúbida algunha constitúe, en palabras do propio Vicente Irisarri, “todo un símbolo da cidade como crisol de culturas”. Pola súa parte, a concelleira de Festas Beatriz Sestayo, avanzou hoxe que a programación de tan agardada data arrancará xa pola mañá, a partir das 11.30 horas, coa celebración do acto institucional no Teatro Jofre. Unha cita coa que se pretende render unha sentida homenaxe ao rondallista de honra deste ano, Marcelino García Toimil, membro da rondalla “Añoranzas”, así como ao músico José Manuel Couce Fraguela e máis ás madriñas das sete formacións participantes na presente edición. Un acto no que tamén se rememorará o pacto que liga a Ferrol e Mondoñedo como vilas irmás  dende hai cinco anos. Mais o prato forte da xornada chegará ás oito da tarde na praza de Amboaxe, onde comezará o fermoso recital de temas dedicados ás mulleres de Ferrol e que continuará polas rúas do casco histórico da cidade.

 

O Teatro Jofre será por segundo ano consecutivo o escenario elixido para proceder á devandita homenaxe. Un espazo que veu a substituír á propia casa consistorial para gañar en vistosidade e elegancia, aparte de poder albergar a un público moito máis amplo. Deste xeito, a Administración local quere situar no lugar que se merece unha das celebracións máis atractivas e singulares da urbe naval. Será a partir das once e media da mañá.

 

Por outra banda, en canto ao rondallista de honra deste ano, Marcelino García Toimil, naceu en Mugardos en 1946 e aprendeu a tocar a mandolina con tan só 15 anos, idade coa que se integra na agrupación “Trovo del Alba” para saír por primeira vez na rondalla daquel ano 1961. Xa en 1978 organiza xunto a outros antigos compoñentes da citada “Trovo del Alba” unha nova rondalla titulada “Nostalgia”. Máis tarde, en 1992, Marcelino García entra a formar parte da rondalla “Añoranzas”, onde continúa tocando na actualidade.

 

Mentres, José Manuel Couce Fraguela (nacido no barrio ferrolán de Esteiro tamén en 1946), respirou xa dende o entorno familiar o ambiente musical das rondallas e da música coral. Sendo aínda un neno demostra unhas boas aptitudes musicais e unhas condicións de voz que o fan destacar en coros escolares. En 1958 comeza a participar en concursos de radio que daquela tiñan un grande seguemento por parte do público. Un ano despois, empeza coas primeiras clases de guitarra e da man de J. Malde sae na rondalla “Armonía” como voz e pandeireta.

 

Xa en 1964 inicia a súa traxectoria profesional como guitarrista e cantante do grupo musical “Los Players”, que en poucos anos ocuparía un lugar relevante en España como conxunto de música de baile, actuando por todo o territorio español e facendo varias saídas a diferentes cidades de Europa. Pero retoma o seu papel dentro do mundo das rondallas en 1986, cando debuta coa formación do “Club de Campo” na Festa das Pepitas. Entre 1989 a 1999 dirixe á “Coral Polifónica Ferrolana” e dende entón colabora en diferentes ocasións dirixindo ao Real Coro Toxos e Froles e á Coral “Armonía”.

 

Amboaxe

 

A praza de Amboaxe será ás oito da tarde o punto de partida das rondallas “Añoranzas”, “Sonidos del Alba”, “Club de Campo”, “Bohemios”, “Trovadores de Ares”, “Mugardesa” e “Lucero del Alba”, as cales interpretarán pasarrúas, valses e danzas. Temas inéditos ou recuperados do antigo cancioneiro, mais, en todo caso, inspirados na paixón das mulleres ferrolás. E vestidos co traxe tradicional desta festa, formado por capa camisa, lazo, bufandas e cintas ou escarapelas na capa, os rondallistas percorrerán as rúas da cidade cantando fermosas cancións que poñen en valor un sentimento tan nobre como é o amor. Para elo, as voces masculinas estarán acompañadas por guitarras, laúdes, mandolinas e bandurras, co apoio de violíns, frautas e acordeóns.

 

Finalmente, tanto Vicente Irisarri como Beatriz Sestayo animaron aos ferroláns e ferrolás a tomar parte nesta celebración “símbolo de fusión e pluralidade”, que se mantén viva grazas á paixón dos cidadáns e cidadás e ao impulso que dende hai unhas décadas lle imprime o Concello. Unha noite, en todo caso, para “desfrutar a pé de rúa”. Unha celebración, así mesmo, na que cobra especial importancia o canto á muller, en palabras da concelleira. Á muller como “protagonista dunha festa que debe entroncar a tradición coa modernidade, que fala de igualdade real, de sociedade con perspectiva de xénero e mesmo de Ferrol en Feminino”.

 

 

 

 

 

Pepitas 2009

Rondalla

Parcipantes

Madriña

Presidente

Director

“Añoranzas”

45

Gabriela Yáñez Molina

Reyes José Yánez Paz

Juan Hernández Martínez

“Bohemios”

38

Beatriz Sestayo Doce

Carlos López Pedreira

José Ramón Calvo Meizoso

“Club de Campo”

44

Mercedes Hermida Martínez

Álvaro Sánchez Gilsanz

Xosé Manuel Couce Fraguela

“Sonidos del Alba”

30

Patricia Vila Castiñeira

Víctor Izaguirre López

Raúl Almandós Mandía

“Mugardesa”

36

Cristina Teixeiro Marcos

María José Martínez Fernández

Francisco Javier Sancho Ribero

“Trovadores de Ares”

33

Carlota Fernández Estévez

Ángel Barreiro Rey

Leovigildo Illobre Toimil

“Lucero del Alba”

48

Susana González Picos

Andrés Pena García

José Miguel Calabuig

 

 

Sociedade