Ferrol, unha historia por ver

Ferrol, unha historia por ver

08 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O DVD “Ferrol. Unha historia por ver” pódese consultar desde hoxe nas bibliotecas municipais e nos locais veciñais da cidade. Un documental patrocinado polo Concello con motivo do 150 aniversario da concesión do título de cidade que, dirixido pola historiadora ferrolá Ana Martín, realiza unha retrospectiva sobre a historia da cidade ata os nosos días, deténdose de xeito especial no emerxer da urbe nos tempos da Ilustraci&

A enorme expectación e interese que despertaba este documento gráfico entre os veciños e veciñas animaba ao goberno municipal ferrolán a incluilo nos catálogos dos centros culturais (Biblioteca Central, de Caranza e Centro Cultural Carvalho Calero), e tamén incorporalo aos fondos das bibliotecas das asociacións de veciños e das entidades culturais. Un modo de facilitar o acceso a esta obra por parte da cidadanía.

 

“Ferrol. Unha historia para ver” permite visualizar ao longo de 8 capítulos as diferentes etapas da historia ferrolá. Dende as súas orixes, pasando pola Idade Media, o Ferrol dos Austrias e tamén o dos Borbóns. Asemade, permite botar unha ollada á cidade do século XIX, precisamente cando a raíña Isabel II visitaba a urbe naval e acordaba concederlle tan ilustre distinción. E mesmo inclúe unha viaxe polo Ferrol do século XX ata os nosos días, así como unha reflexión sobre dous conceptos que a cotío semellan contrapostos e que no caso da cidade departamental conviven dun xeito armónico e ordeado: tradición e modernidade. A súa duración é de 60 minutos.

 

Así, e ao tempo que se pon a disposición da cidadanía ferrolá esta retrospectiva sobre a urbe naval, o Concello vén de incorporar ao catálogo de bibliotecas municipais e centros culturais o libro “A Magdalena” que, asinado polo fotoxornalista José Pardo, constitúe a nova publicación institucional do Concello de Ferrol. Ao longo das súas páxinas, e a través dunha sucesión de fotografías que falan por si soas, mostra as mil caras do barrio histórico de Ferrol.  Está dispoñible na Biblioteca Municipal da Praza de España, na de Caranza, na biblioteca da Universidade e no Centro Cultural Carvalho Calero. Un documento gráfico que os cidadáns e cidadás de Ferrol tamén poden consultar a través da páxina web municipal www.ferrol.es.  “A Magdalena” inclúe centos de fotografías de escenas cotiás da vida dos ferroláns e ferrolás. Sen artificios nin retoques. Imaxes do día a día dos seus habitantes, protagonistas da vida dunha cidade que no 2008 celebraba o seu 150 aniversario. Detalles nos que a cotío non se repara pero que ao rememoralos por medio da fotografía invitan á reflexión.

 

Sociedade