Ferrolterra e Ortegal levan a Fitur os seus mellores productos turísticos

Ferrolterra e Ortegal levan a Fitur os seus mellores productos turísticos

19 de Xaneiro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A Feira Internacional de Turismo 2010 comeza mañá no recinto feiral do Ifema, en Madrid, contando nesta edición con máis de doce mil empresas expositoras de ata 170 países ou rexións do mundo e máis de cento trinta mil profesionais, co que iso implica de creación dunha das maiores e mellores redes de contactos empresariais e institucionais. É por iso que moitos concellos da bisbarra escollen este encontro internacional do turismo para presentar

Por cuarto ano consecutivo, o Plan de Dinamización do Producto Turístico Ferrol-Ortegal estará representado en Fitur e contará cun mostrador propio dentro do stand de Turgalicia, a Sociedade da Imaxe e Promoción Turística de Galicia. Segundo explicou a Radiofusión a xerente do Plan, Pilar López, alí se poderán atopar folletos de todo tipo e información relacionada cos quince concellos do eixo Ferrol-Ortegal. A maiores, o xoves presentaranse tres novos productos turísticos cos que se pretende enriquecer a oferta xa existente: a plataforma comercial de actividades “Tempo de lecer”, novos paquetes turísticos para estadías tanto na zona rural como na urbana e os denominados “bonos de lecer”.

Ademais de estar representados a través do Plan de Dinamización do Producto Turístico Ferrol-Ortegal, algúns concellos da bisbarra contarán cun espazo propio na Feira Internacional do Turismo. Ferrol, por exemplo,  levará a FITUR a súa Semana Santa. O Concello anuncia  para o xoves un acto protocolario no que se promocionarán de xeito conxunto os actos litúrxicos, as procesións, o salón Equiocio e as visitas guiadas, ademais da oferta gastronómica da cidade, o tren turístico e as actividades culturais que se celebrarán nesas datas.

Tamén Ortigueira aposta un ano máis por Fitur para presentar oficialmente o cartel do vindeiro Festival do Mundo Celta, que se celebrará entre o 8 e o 11 de xullo. A cita será o venres, na caseta de Galicia e dentro do espazo institucional reservado por Turgalicia. A presentación do cartaz -seleccionado entre ducias de propostas que se presentaron ao concurso de deseño convocado polo Concello- correrá a cargo do alcalde ortegano, Rafael Girón, e do conselleiro de Cultura, Roberto Varela.

Outro dos concellos que estará representado nesta edición da Feira Internacional do Turismo de Madrid é o de Ares e tamén no seu stand haberá sorpresas nesta ocasión como a presentación, o venres, dunha nova web do Concello adicada ao turismo, ou a promoción das súas propostas e ofertas turísicas, impulsadas pola propia administración local e por distintas asociación do termo municipal.

Sociedade