Ferrolterra ergue tamén a voz en contra da violencia machista

Ferrolterra ergue tamén a voz en contra da violencia machista

24 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Baixo o lema "Todas as ferramentas contra as raíces da violencia", a Coordenadora Comarcal de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres organiza para o mércores, en colaboración co Concello de Fene, unha concentración na Praza Verde de Perlío como acto de rexeitamento, sensibilización e visibilización da violencia machista contra as mulleres.

Con motivo do 25 de Novembro “Día Internacional contra a Violencia de Xénero”, a Concellalía de Servizos Sociais, Benestar e Igualdade do Concello de Fene colabora coa Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra no acto que terá lugar este mércores ás oito do serán na Praza Verde de Perlío.

Este ano preténdese facer reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación no tratamento da información relacionada coa violencia machista. Neste senso a Marcha denuncia que moitas veces os medios actúan como "transmisores e perpetuadores dos valores que manteñen enraizada a violencia machista na sociedade" cando deberían ser "axentes transfomadores e sensibilizadores".

No acto do mércores en Fene farase unha exposición de novas que foron emitidas por radio, tv, prensa escrita e internet, unhas cun tratamento inaxeitado e de espectáculo da violencia machista, e outras cun tratamento crítico e respectando o decálogo do xornalismo. Haberá dous paneis para cada tipo de noticias, as cales poderán ser elixidas polas persoas asistentes á concentración e posteriormente lidas en voz alta, decidindo entre todas e todos en que panel colocala, no negativo e inaxeitado, ou no positivo e respectuoso. Unha vez colocadas todas as noticias, tiraranse simbolicamente ao chan os paneis que rexeiten os presentes. Ademais, unha representante dos medios de comunicación da bisbarra lerá tamén un manifesto sobre o tratamento da violencia machista nos medios de comunicación. O acto rematarase coa lectura do Manifesto da Marcha Mundial das Mulleres deste ano.

Sociedade