Ferror Records, Festa aniversario e Solpores en Canido.

Ferror Records, Festa aniversario e Solpores en Canido.
13 de Xuño, 2024 - 02:05 h. | Publicada por Radio Fene

A celebración dos nove anos de vida de Ferror Records chega este sábado 15 á sala Ruído de Ferrol, cunha coidada proposta musical. Como ven sendo habitual a discográfica ferrolá ten organizado unha xornada musical para celebralo. A data coincide, ademais, coa primeira das xornadas dos Solpores en Canido que Ferror Records leva organizando no Centro Cívico de Canido dende o ano 2021.

ESCOITA O PODCAST:

Sergio Peck, un dos artífices do selo discográfico ferrolán comenta que este 15 de xuño é moi especial para Ferror Records xa que nesa data cúmprense nove anos da súa primeira celebración “E como non, temos outra festa preparada para este sábado, será logo de Solpores en Canido e contará cuns sets de Electrónica variada para completar o día”. 

A Festa de 9ª Aniversario, que será na sala Ruído, contará con Terü, unha dj ribeirense que se desenvolve na escea rave galega, que abrirá a sesión ás 01:00 e, sen parar de bailar, Vega Scan ofrecerá, dende as 02:30 a súa electrónica bailable, un set enérxico e bailable de principio a fin. E para pechar a festa Empty - Ed Escobar, un produtor e intérprete orixinario de Colombia e residente na Galiza. 

Pero antes da celebración do aniversario Ferror Records organiza, co apoio da Asociación de veciños e o Concello de Ferrol, a primeira xornada dos Solpores en Canido que teñen preparados para este verán. Dende o ano 2021 levan organizando estas xornadas musicais que teñen a intención de dar a coñecer propostas que mesturan vangarda e atrevemento, para presentalas nun formato pequeno e moi coidado.

Os Solpores desenvólvense no Centro Cívico de Canido, un espazo no que este sábado 15 de xuño poderemos desfrutar da primeira das sesións programadas. A partir das 20:00 subiranse ao escenario do Centro Cívico en primeiro lugar, Los Eternos, a banda de Cedeira que leva a música de raíz americana por sinal de identidade, ás 21:00 horas será Feed the pet os encargados de coller o relevo e para rematar este primeiro Solpores do ano será Rapariga Dj quen nos poñerá a bailar cunha selección “bailonga e con moito flow”.

A edición deste ano contará con outras catro datas xa programadas. O 20 de xullo será a segunda sesión programada, o 17 de agosto e o 21 de setembro serán outras das datas propostas, e xa case no outono, o 12 de outubro, poñerán o peche á edición deste ano dos Solpores. Ao longo do ciclo poderemos escoitar algunhas propostas como Balea música, Inma Veiga, Bratzantifa wav, Carabelamusic, Dalsi mix, Elba Souto, Gorxa ghorxa, Lago on muzik, Midoriii, Iarnaldhu e Zavala música. 

E para completar a experiencia tódalas sesións dos Solpores contarán con “La Burroneta”, unha “parada gastronómica” de especialidades en comida mexicana, non todo vai ser bailar.

Como sempre, Solpores en Canido é unha experiencia gratuíta para quen queira desfrutala.

Cultura

Publica o teu comentario agora