A Festa do Millo en Allariz mantén viva na memoria o cultivo deste cereal

A Festa do Millo en Allariz mantén viva na memoria o cultivo deste cereal

15 de Outubro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

Despois da celebración das Festas da Moenda e da Sega en Allariz mañá tócalle a quenda á última das festas etnográficas do ano neste concello: A Festa do Millo. A cita é en Torres de Seoane, un pobo alaricano a partir das cinco da tarde.

Dende o ano 2006, os veciños e veciñas de Seoane converteron os traballos relacionados co millo nunha celebración, a festa do millo, co obxectivo de manter viva na memoria o proceso de cultivo deste cereal, tan importante durante moitos anos nesta Terra do Millo.

Os protagonistas son os veciños e veciñas de Seoane, encargados da sementeira, o coidado e a recollida do millo, que se converten en anfitrións o día da festa, no que non faltará comida e música, así como actividades para nenos e nenas.
 
A partir das cinco da tarde, os participantes na festa xuntaranse nunha aira para comezar os traballos adicados ó millo, que os visitantes poderán ver en vivo e en directo.

Todos estes traballos irán acompañados de música tradicional e a representación de teatro a cargo da compañía A Run Run que porán en escena a obra “Imos de escasulla”

Sociedade