Festa dos libros

Festa dos libros
10 de Xuño, 2024 - 06:09 h. | Publicada por Radio Fene

Primeira Xornada Literaria de Fene. Terá lugar este venres na asociación O Pote de Maniños. Daranse cita nelas unha vintena de escritores e escritoras, entre elas as escritoras fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro. A Concellería de Cultura organiza coa SCRD O Pote de Maniños e Aetna a I Xornada Literaria no Pote, encontro no que tamén colaboran a Asociación Galega de Escritores e a Imprenta Sanesteban. O presidente do Pote, Javier Rodríguez, e María José García, presidenta da asociación AETNA deron detalles da Xornada en Radio Fene, xunto con outras actividades previstas para o verán.

ESCOITA O PODCAST:

O programa dará comezo ás 19 horas, coa inauguración da feira do libro na que asinarán exemplares das súas obras os autores convidados. Para as 20 horas está previsto un coloquio sobre a Literatura en Ferrolterra no que participarán Teresa Cameselle, Pablo J. Rañales e Mariola Hermida. E ás 21 horas, o escritor Pedro Feijoo presentará a novela “Ninguén contará a verdade”, acto no que estará acompañado polo tamén escritor Rober Cagiao. 

Vinte e un escritores/as tomarán parte nesta I Xornada Literaria no Pote: Teresa Cameselle, Pablo J. Rañales, Pedro Feijoo, Rober Cagiao, José Ángel Varela, Sabela Cagiao, María Nieto, Raquel Villanueva, M.ª del Mar Muñiz, Micaela Barbeito, Juan Galán, Xosé Fernández, Miguel Gacio, Antonio D´Tenerife, Rubén Pedreira, Sara G. Veiga, Andrea Martínez, Cova P.L., Isabel Ramos e as fenesas Mariola Hermida e Matilde Castro.

Esta á a primeira actividade dunha intensa programación que desenvolverá a sociedade O Pote de Maniños durante o verán que inclúe, tamén, as sardiñadas de San Xoán e San Pedro no mes de xuño; a Festa da Ameixa con motivo da festividade do Carme, o 14 de xullo; e o 25 de agosto a tradicional Romaría do Pote. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora