A festa e a creatividade daranse cita en Pardiñas o primeiro fin de semana de agosto

A festa e a creatividade daranse cita en Pardiñas o primeiro fin de semana de agosto

07 de Xullo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A XXX edición do Festival de Pardiñas presentouse hoxe en Lugo co obxectivo de ampliar as mais de 25.000 persoas que acudiron o ano pasado. Recoñecida como Festa de Interese Turístico, o Festival de Pardiñas, que conta cun orzamento de 70.000 euros,  é algo mais que música, xoldra, e artesanía. A creatividade, a arte, a literatura ou a aprendizaxe tamén terán o seu oco no fin de semana do 1 e o 2 de agosto en Gui

A do 2009 será unha edición especial. Non so polo “número redondo” do seu aninovo, senón polo cartel que presentará e que adiantou o Coordinador de Xermolos, Alfonso Blanco Torrado, como representante da Asociación que organiza este evento.

 

 

“Para nós é moi importante poder aguantar xeración tras xeración 30 anos. O mellor é mantelo vivo e renovalo cada ano. A programación das actividades buscan unha participación de todos os que veñen, que cada un dos que acuda axuda a facer mais fermoso Pardiñas”, admite Torrado.

 

Para cumprir co seu obxectivo, desde a comisión encargada de escoller os grupos musicais traballouse a reo na confección dun cartel que contará con importantes nomes como La Belle Image Fanfarfe, Pepe Vaamonde ou Hedningarna.

 

O sábado 1 abrirá a xornada a banda holandesa de raíces hispanas Muyayos de Raiz. Este grupo, que reside en Utrech, emprega os seus propios arranxos para explorar novas formas de música tradicional. Tomará o relevo La Belle Image Fanfare, unha das referencias da música popular e tradicional de América Latina, a pesar de nacer na localidade francesa de Orleáns. Pero o prato forte do Festival chegará a posteriori. Despois de varios anos na súa procura, actuará no escenario Estrella Galicia a formación sueca Hedningarna. Este é un dos grandes nomes do folk europeo, gracias á súa mestura de música tradicional fusionada con influencias de techno ou rave. Por último, contra a mañanciña, será a quenda para a big-band explosiva de A Grela, Banda Potemkim, que cargará as pilas para bailar ata o almorzo.

 

Para o domingo quedarán o grupo de percusión de Vigo, Bloquinho da Salgueira, que achegará a Samba, o Reggae e o Afrobahiano a Guitiriz. Despois subirase ao escenario a banda de folk compostelá Lúa de Fouce, para deixar paso a un clásico da música galega como é o Pepe Vaamonde Grupo e a rabia e o dinamismo de Pan de Capazo, que pechará as actuacións musicais de Pardiñas.

 

Pero falar deste festival non é falar só de música. Tamén haberá espazo para a XVI mostra de Artesáns de instrumentos tradicionais, organizado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, que contará coa participación de preto de 30 profesionais e coas actuacións de “Tanto nos ten”, de Redondela e de “A requinta da laxeira”, de Vedra.

 

Os creadores mais novos tamén terán o seu espazo nos diversos talleres e obradoiros proxectados, e aos que se poden apuntar a través da web de Xermolos, www.xermolos.org. Así, haberá espazo para o audiovisual, a fotografía, o vídeo, cómic, grafitti e tamén pintura ao aire libre e escultura.

 

O pregón do 2009 correrá a cargo do profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de A Coruña, Manuel Caamaño, contra as 18.00 horas do domingo. A continuación procederase á entrega dos premios do Certame Terra Chá de Literatura e Debuxo Infantil, no que participaron mais de 800 nenas e nenos de 50 colexios de Galicia e do Bierzo.

Cultura