As festas da parroquia

As festas da parroquia
30 de Outubro, 2022 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

As comisións de festas patronais e populares de Fene teñen ata o día 9 de novembro para presentar as solicitudes da liña de subvencións aberta polo Concello para colaborar con elas nos gastos organizativos, ao tempo que se contribúe á recuperación económica do sector das verbenas, un dos máis afectados polo parón da pandemia.  As axudas, encadradas no PEL da Deputación da Coruña, teñen unha dotación económica global de 13.000 euros e poderán cubrir até o 80% dos custes de contratación das orquestras que vaian actuar ou actuasen xa en festexos celebrados entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro deste ano. As instancias e outra documentación haberá que presentalas no Rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica.

Fotografía: Cesar Galdo

O obxectivo da convocatoria é contribuir á reactivación económica, á xeración de recursos e á promoción e mantemento do emprego no sector empresarial do mundo do espectáculo e do movemento cultural, e en concreto, no ámbito das orquestras e das verbenas tradicionais ao aire libre.

O Concello destina ao programa de subvencións ás comisións organizadoras de festas patronais e populares un total de 13.000 €, financiados integramente por pola  Deputación da Coruña dentro do seu Plan de Emprego Local.

Nas bases establécese que o importe da axuda se repartirá a partes iguais entre as solicitudes
presentadas e que, como máximo, cada subvención poderá cubrir o 80% dos gastos propostos. Iso si, as comisións poden solicitar axuda para unha ou máis festas, sempre e cando transcorran polo menos dúas semanas entre cada celebración e tendo en conta que deberán achegar unha solicitude por cada festexo organizado.

Se algunha das peticións xerase excedentes, estes redistribuiríanse entre as demais solicitudes que cumpran cos requisitos. As principais condicións xerais para beneficiarse da convocatoria son a de que as festas deben celebrarse no territorio de Fene entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro de 2022, que as comisións teñan personalidade xurídica -acreditada pola Axencia Tributaria con NIF ou CIF-, utilizar o galego como lingua vehicular na difusión e comunicación dos eventos e, en todo caso, que as orquestras contratadas se axusten ao especificado nas bases, nas que se lles esixe unha antigüidade mínima de 2 anos en activo, ter polo menos 6 compoñentes -4 han de ser instrumentistas-, ademais de ter o domicilio fiscal en Galicia.

As solicitudes, en modelo oficial facilitado polo Concello, e demais documentos poderán presentarse até o 9 de novembro  no Rexistro Xeral do Concello de Fene, a través da sede electrónica municipal, ou por calquera dos medios admitidos na normativa de relación coas Administracións públicas. Unha vez que se resolvan as concesións, as comisións terán até o 13 de xaneiro para achegar as memorias, facturas e outra documentación xustificativa.

 

Os formularios de solicitude e as bases poden descargarse neste apartado da web municipal fene.gal.

 

Fotografía César Galdo

Institucional

Publica o teu comentario agora