Fideos made in Sillobre

Fideos made in Sillobre
01 de Marzo, 2021 - 10:12 h. | Publicada por Radio Fene

Francisco Cernada Veloso funda en 1950 unha fábrica de fideos na parroquia de Sillobre, en Fene. Aprovisionou de pasta ás tendas de ultramarinos de Ferrol durante sete anos.

ESCOITA O PODCAST:

En 1950 a veciñanza da parroquia de Sillobre (Fene) ve nacer unha fábrica de fideos. O seu promotor é un exiliado en Francia, Francisco Cernada Veloso, que retorna ao país coa ocorrencia de montar nunha adega da súa propiedade no lugar de Orra, unha fábrica de fideos. Seguramente a idea xestouse na propia Francia ou pola amistade don algún italiano. O caso é que a fábrica de pasta ou de fideos, que é como realmente a nomean, porque ao parecer so se fan fideos nela, ábrese nese ano de 1950 e chega a empregar a catro persoas, segundo as indagacións feitas por María Rivera, autora do libro “Sillobre ven de antigo”.

Entre as empregadas da fábrica está Juanucha, falecida hai uns anos. Ela explicoulle que amasaban a fariña coa auga e lle botaban o colorante que lles enviaba un tío dela emigrado en Cuba. O proceso consistía en estirar a masa e cortar os fideos moi longos para logo darlles a forma dun 8. Outra empregada, Sila, levaba a pasta seca xa a Ferrol na lancha e a entregaba nun almacén desde onde se distribuía ás tendas de ultramarinos da cidade departamental.

A fábrica de fideos durou poucos anos. Pecha en 1957 porque Pancho Cernada embarca na Mariña Mercante e pasa a residir en Valencia. O motivo do porqué da decisión se nos escapa. Pero aí quedou o recordo desa fábrica que foi algo ben curioso naqueles anos nun lugar como Sillobre.

 

(Na imaxe, María Rivera, autora do libro "Sillobre ven de antigo")

Sociedade

Publica o teu comentario agora