A fin do Camiño

A fin do Camiño

06 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Dúas xornadas restan para completar a peregrinaxe polo Camiño do Norte que organiza a Comisión de Cultura, Ensino e Deporte do Concello de Fene, e as dúas se celebrarán esta fin de semana. O sábado realizarase a etapa O Pino-Monte do Gozo e o domingo, último día, a do Monte do Gozo-Santiago.

Caseríos e aldeas, pistas e corredoiras, bosques de eucalipto e ata naves industriais ao atravesar un polígonos, son elementos que definen a paisaxe da penúltima etapa desta peregrinaxe. O Camiño retomarase o sábado en Salceda, dirección Labacolla e San Marcos, ata chegar ao Monte do Gozo (onde unha parte dos peregrinos pasarán a noite). Os demais repartiranse en dous grupos; os que pernoctarán nun hostal cercano ao albergue e os que voltarán a durmir ás súas casas.

Xa o domingo, todos xuntos, percorrerán os escasos cinco quilómetros que separan o albergue do Monte do Gozo da Catedral de Santiago. Segundo avanzou a Radiofusión o monitor das marchas, Eduardo Lourido, ao chegar ao Obradoiro "daráselles aos participantes tempo libre para que fagan o que queiran, visitar a Catedral, acudir á Misa do Peregrino, dar unha volta por Santiago ou, simplemente, descansar". Tralo xantar de confraternidade que realizarán nun restaurante da zona, a media tarde retornarán a Fene. 

Contentos por completar o Camiño pero, á vez tristes, porque rematan estas xornadas de sendeirismo e convivencia, os peregrinos feneses afrontan este último treito da rota do Norte. Eduardo Lourido asegurou a Radiofusión que "a experiencia foi moi positiva e o grupo fabuloso".

Sociedade