Final feliz

Final feliz
31 de Outubro, 2023 - 09:42 h. | Publicada por Radio Fene

Rescatado un ancián de 91 anos en Ortigueira que estaba desaparecido nunha xornada de temporal. Atopárono caído nunha pista forestal nunha zona chea de auga e lama. Final feliz grazas a rápida intervención dos equipos de rescate.

 

A Garda Civil do Posto de Ortigueira localizou no lugar de Galiñeira a un ancián de 91 anos que levaba todo o día desaparecido. Os feitos sucederon o pasado domingo día 29, unha xornada con temporal de chuvia e vento, cando a patrulla do posto de Ortigueira recibe unha chamada comunicando a desaparición dun veciño da localidade de avanzada idade. Unha persoa da súa contorna familiar e que reside fóra da comunidade levaba toda a tarde sen poder comunicarse co desaparecido, polo que avisou a un coñecido, que localizou o vehículo de este coa porta aberta nunha leira situada no Lugar da Galiñeira, onde ten cabalos e á que adoita acudir a diario para alimentalos, sen acharse rastro do desaparecido.

Na zona onde se achou o vehículo púxose en marcha un dispositivo de procura e sobre as 22:15 horas, nunha pista forestal próxima a Garda Civil localizou ao ancián tombado boca arriba sobre unha superficie de auga e lama. Atopábase consciente pero desorientado e non respondía correctamente ás preguntas. Tiña síntomas de hipotermia e a súa roupa estaba empapada. Foi trasladado en ambulancia ao Arquitecto Marcide de Ferrol para unha completa valoración.

Sociedade

Publica o teu comentario agora