Finaliza o programa "Mocidade Activa"

Finaliza o programa "Mocidade Activa"
19 de Agosto, 2020 - 11:53 h. | Publicada por Radio Fene

Os concellos de Fene, Mugardos e Neda remataron o venres pasado a edición deste ano do programa de lecer “Mocidade Activa”, que se desenvolveu desde mediados de xullo. Durante este último mes, as 22 rapazas e rapaces participantes viron novas maneiras saudables e creativas de aproveitar o tempo de lecer.

Rapazada do proxecto practicando skate

O obxectivo das sesións foi propoñerlles alternativas de lecer nas que podan realizarse plenamente e potenciar a súa personalidade lonxe de condutas adictivas. “Mocidade Activa” é un programa anual coordinado polos tres municipios que conta con axuda da Consellaría de Sanidade.

O proxecto levouse adiante con sesións diarias de dúas horas e media de duración dirixidas a mozos e mozas de entre 11 e 16 anos, unha banda de idade de grandes cambios na que cómpre prestarlle moita atención a como enche a cativería o seu tempo libre, xa que é no tránsito á puberdade e na adolescencia cando adoitan comezar condutas que poden derivar en adiccións.

O proxecto permitiulles ás mozas e mozos probar a artesanía electrónica, a pilotaxe de drons, o deseño e impresión 3D, o skate ou a comunicación radiofónica. Todas estas actividades enfiadas co traballo en grupo e o reforzo da comunicación.

Sociedade

Publica o teu comentario agora