Flores de Entroido

Flores de Entroido
10 de Febreiro, 2021 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

As flores de entroido forman parte das larpeiradas típicas desta festa. Fanse cun molde en forma de flor.

Son unha das larpeiradas da cociña popular propias desta festa do carnaval. Entre as filloas, orellas, as follas de limón e oputras, están as flores que se fan necesariamente cun molde de ferro con forma de flor (ou tamén de bolboreta ou de estrela). Cando se quenta o molde, impregnámolo de amoado que fixemos polo menos unha hora antes.

O amoado das flores faise da seguinte maneira:

Batemos 300g de fariña triga, 500ml de leite, tres ovos grandes, unhas areas de sal,as relas de dous limóns e unha copiña de anís. Poñemos a tixola con aceite de oliva ao lume. É fundamental introducir o molde no amoadosen chegar ao bordo para que a flor se desprenda sen dificultade. Poñémolo na tixola uns segundos e, ao erguelo, despréndese a flor que queda na tixola. Agardamos a que se doure e sacámola con coidado. Deixámolas arrefriar e zarrapicamos con azucre. Con esas cantidades saen un medio cento delas.

 

(Imaxe de Kukinhas)

Cultura

Publica o teu comentario agora