Foise co vento: As consecuencias e responsabilidades da suspensión do concurso eólico

Foise co vento: As consecuencias e responsabilidades da suspensión do concurso eólico

29 de Xuño, 2015 - 12:00 h. | Publicada por Radio Eume

As empresas perxudicadas pola suspension do concurso eólico de 2009 poderían presentar nas vindeiras semanas as súas reclamacións contra a Xunta de Galicia. Se iso é así, as arcas públicas deberían responder polo que o Tribunal Superior calificou de "desviación de poder" do goberno de Alberto Núñez Feijóo. O pasado 6 de maio o Tribunal Supremo ditou sentenza a respecto da anulación do concurso eólico

O Bloque Nacionalista Galego lembra que aquela anulación provocou inseguridade xurídica e afirmou que o PP anunciou un novo concurso no que "se ían investir 6.000 millóns e investíronse 850, dixeron que ían crear 13.200 postos de traballo e creáronse 1.800". "A súa irresponsabilidade e sectarismo saíronlle moi caros a este país", censura o voceiro do BNG Francisco Jorquera.

O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu "responsabilidades políticas" a Núñez Feijóo pola sentenza do Supremo que considera ilegal a suspensión do concurso eólico do Goberno bipartito. AGE refírese nun comunicado á decisión do alto tribunal de desestimar o recurso da Xunta de Galicia contra a sentenza do TSXG que considerou ilegal a anulación por parte da Xunta do concurso eólico aprobado polo Executivo anterior.

Con independencia dalgunhas consideracións do Decreto eólico do bipartito, que AGE di non compartir, para o grupo parlamentar "esta sentenza poderá ter importantes consecuencias económicas para a Xunta de Galicia, xa que abre a posibilidade de que todas as empresas participantes no concurso anulado presenten reclamacións, esixindo cuantiosas responsabilidades patrimoniais e indemnizacións económicas".

O deputado Antón Sánchez lembra no escrito que na sentenza do TSXG, anulatoria da decisión do concurso que suspendeu a Xunta, entendeuse que o Goberno galego incorreu en "desviación de poder", ao suspender ilegalmente o concurso.

Para o parlamentario, esta decisión xudicial "confirma o ilegal e chafalleiro proceder do que por entón era conselleiro, Javier Guerra, e de Núñez Feijóo", que, á súa entender, "deberá de levar aparellada a asunción de responsabilidades políticas por parte deste Goberno que condenou, coas súas decisións, ao sector das renovables á parálise e á destrución de emprego".

O Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación presentado pola Xunta contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) de xuño de 2012 na que anulaba a resolución do 7 de agosto de 2009 pola que o Goberno galego de Alberto Núñez Feijóo suspendeu o concurso eólico aprobado polo bipartito --tras recurso da concursante Aucosa Eólica, que foi a segunda maior adxudicataria--.

Diso informou AGE nun comunicado, no cal esixe a Feijóo que "asuma responsabilidades políticas" despois de que o Supremo ratificase a sentenza do TSXG que consideraba ilegal a supensión por parte do Goberno popular dese concurso.

En 2013, o Supremo xa desestimara parte do recurso de casación que presentara a Xunta de Galicia contra o fallo do TSXG no que declaraba a anulación da suspensión do concurso eólico do Goberno bipartito --PSdeG e BNG--. Concretamente, non apoiaba os argumentos cos que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo quería defender a súa decisión, o cal agora ratifica.

O 24 de xuño de 2012 o alto tribunal galego ditou sentenza na que estimaba o recurso de Aucosa Eólica, que presentou unha demanda como prexudicada pola paralización do concurso do goberno anterior.

Nesa sentenza do TSXG, declarábase a "anulación" da resolución do 7 de agosto de 2009 que ditou a Consellería de Economía e Industria, entón dirixida por Javier Guerra, a proposta do director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Bernardo Tahoces.

A sentenza do TSXG anulaba a decisión da Xunta de suspender o concurso do bipartito e advertía de que incorrera en "desviación de poder" ao deixar en suspenso o concurso eólico.

Sociedade