Fora tupers de plástico

Fora tupers de plástico
16 de Febreiro, 2021 - 11:12 h. | Publicada por Radio Fene

A semana pasada falamos da presencia dos plásticos no cuarto de baño. Comprobamos a cantidade de plástico inútil que usamos, cando hai alternativas máis sustentables. Entramos hoxe ata a cociña con Margarita Rodríguez de 4ECO Narón para comprobar que pasa neste habitáculo da casa co plástico.

ESCOITA O PODCAST:

“Por aí anda a cousas” afirma Margarita Rodríguez á hora de comparar o uso de plásticos no aseo e na cociña. Neste último recinto no que pasamos moitas horas o plástico está omnipresente. Empezando polos produtos de limpeza; lavalouzas, deterxentes, produtos para limpar a vitro, etc, todos veñen en botes de plástico. A alternativa pasa por rechealos con produtos a granel ou usar recipientes biodegradables. Outros elementos de uso cotián na cociña son os freganzos e baetas fabricados con derivados do petróleo. Estes podemos substituílos por elementos de fibras naturais como a lufa ou a fibra de coco.

Aparte de todos os envoltorios de alimentos cos que chegamos do super e dos que xa temos falado, utilizamos moitas bolsas para conxelar os alimentos que son perfectamente substituíbles por recipientes de silicona e silicona platino, válidos para sólidos e líquidos. Ademais poden usarse no microondas e no lavalouzas. “Son moi cómodos” afirma Margarita Rodríguez, para suxerir tamén a utilización de tapas de silicona no sitio do papel albal ou film, que son moi tóxicos.

Outro capítulo merecen os tuper, tan de moda para gardar ou transportar ali-mentos cociñados. Aquí a recomendación de 4Eco Narón é cambialos por recipientes de silicona ou cristal. Outros elementos que proliferan moito nas cociñas son os vasos, pratos e cubertos de plástico que usamos para xantares numerosos ou festas e aniversarios infantís. “Son elementos moi contaminantes con “BPA” na súa fabricación, e que soltan moitas partículas cando se meten no microondas”. Hoxe temos moitas alternativas, se non queremos que rompa a louza, usando materiais de bambú, palma ou fibra de coco.

Pensando en que o uso de todos os elementos que levamos citado, algúns de usar e tirar, nos alivia o traballo doméstico, Margarita di que non é para tanto. “Merece a pena coidarnos nós e coidar a natureza”.

(Na imaxe, Magarita Rodríguez diante dos productos de limpeza a granel)

Sociedade

Publica o teu comentario agora