Formación para os familiares de enfermos mentais

Formación para os familiares de enfermos mentais

01 de Marzo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes, a través da concellería da Discapacidade que dirixe a concelleira Silvia Marín, amplía o prazo de inscrición para todos aqueles que queiran participar no curso de formación para familiares de enfermos mentais que organiza o Concello e a Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES Galicia). Un curso que se celebrará baixo o título “Coñecemento da enfermidade

O obxectivo xeral é explicar aos familiares as pautas de comportamento a ter en conta cos enfermos, así como as distintas técnicas e habilidades que poden axudar a mellorar a calidade de vida destes enfermos e os seus familiares. Os contidos irán dende a formación básica que posibilite o recoñecemento temperá da enfermidade, ata a abordaxe de pautas de actuación ou o manexo do estrés familiar e o alivio da carga asistencial. Os encargados de impartir o curso serán profesionais da FEAFES- Galicia.
As datas de celebración do curso pospóñense ata que se cerre o novo prazo de inscrición e se cubran as prazas suficientes para a súa celebración. As inscricións poden realizarse na Oficina Integral de Discapacidade situada na planta baixa da Casa do Concello, de luns a venres en horario de mañá, dende onde animan a todas as persoas que estean interesadas a que se anoten.
Tal e como explicou a concelleira de Discapacidade, Silvia Marín, “con esta iniciativa pretendemos dar unha ferramenta máis aos familiares deste tipo de enfermos para entender e poder levar da mellor maneira posible esta enfermidade, tendo en conta que son eles os verdadeiros coidadores e os que teñen que convivir cos enfermos a diario. Trátase dunha das discapacidades máis invisible, invalidante e máis grave, polo que necesita tamén dunha especial atención tanto para os enfermos "como para os familiares que en ocasións se sinten desbordados pola situación”.
Datos da FEAFES Galicia indican que arredor dun 2,5% da poboación padece algún tipo de enfermidade mental grave, o que fai que a Oficina Integral da Discapacidade do Concello de Ordes estime en arredor de 300 os enfermos deste tipo dentro do municipio, unha cifra considerable que fai moi importante a realización deste curso en Ordes.

Sociedade