Formarse para ter traballo

Formarse para ter traballo
22 de Xullo, 2024 - 02:13 h. | Publicada por Radio Fene

Mozos e mozas desempregados de 18 a 30 anos de Fene, Cabanas e Mugardos reciben formación durante un ano para integrarse no mercado laboral. Participan no Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil INICIA VII, un programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes. Comezaron o curso, que dura un ano, en outubro pasado. Este luns tiveron unha mañá especial porque os visitaron as autoridades, como contou o alcalde de Fene, Juventino Trigo.

 

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, sacou boa impresión da visita que efectuou, xunto cos portavoces dos grupos municipais da Corporación Municipal de Fene, acompañando á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, que se achegou ás instalacións do centro de formación do Concello de Fene onde se está a desenvolver o Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil INICIA VII. No encontro, ao que tamén asistiron os alcaldes de Mugardos e Cabanas departiron co alumnado e co persoal directivo e de apoio do Obradoiro para coñecer as actuacións que realizan para os concellos participantes.

En Fene, as tarefas que se están a desenvolver no marco do Obradoiro INICIA VII, por un importe de 8.930€, son: substitución e colocación de varandas nas escaleiras da prolongación da rúa Tellerías (San Valentín) e instalación de pasamáns laterais e dunha varanda central nas gradas do pavillón polideportivo de San Valentín. Tamén se están a instalar pasamáns e varandas no Concello de Ares, por un importe de 3.370€, para a separación dos banquillos e zona técnica no campo de fútbol dos Prados Vellos e para separación da beirarrúa coa rotonda de acceso ao casco urbano, no cruce da AVV de Redes e rúa Porta do Sol. Por último, en Mugardos, as actuacións previstas consisten e colocación de sistemas de protección nos colectores do lixo, por importe de 6.000€.

O Obradoiro de Emprego de Garantía Xuvenil INICIA VII é un programa mixto de emprego e formación que ten como finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas participantes, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, procure a súa cualificación profesional e a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo. O curso comezou en outubro do 2023 e ten unha duración dun ano. Nel participan 12 alumnos traballadores e 4 alumnas traballadoras.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora