Foron meses moi complicados

Foron meses moi complicados
17 de Xuño, 2020 - 10:34 h. | Publicada por Radio Fene

Chega ao final un curso escolar nunca imaxinado. Un curso que o IES de Fene despide o venres sen festa, unha fría despedida, en palabras do director do centro de Barallobre.

ESCOITA O PODCAST:

O profesorado do IES de Fene necesita moito as vacacións. “Mentalmente necesitámolas máis que nunca porque pasamos unha situación moi complexa. Foron uns meses moi complicados” declarou a Radio Fene o director do IES de Barallobre, Daniel Bogo. O dia está chegando. O próximo venres entréganse as notas telematicamente, a través de Abalar. Aqueles alumnos que non podan recibilas desa maneira, recollerannas no correo ordinario ou presencialmente no instituto. De feito, xa están acudindo algúns ao centro para matricularse ou para recoller os libros do próximo curso no banco que xestiona a Anpa. Para que non haxa aglomeracións, a Anpa vai chamando ás familias por turnos e informa que o transporte escolar seguirá igual.

Fin de curso

“Dóenos moito porque é unha despedida moi fría”. Pensaron en organizar algún acto alternativo pero finalmente descartouse, dadas as circunstancias. Se fose posible, algo especial farán en setembro cando comece o novo curso escolar. Está case todo listo no IES de Fene. A avaliación de 2º de bacharelato concluiu xa o 8 de xuño para que o alumnado se puxera a preparar a Abau que se celebrará na Escola Politécnica Superior de Esteiro os dias 7,8 e 9 de xullo. O próximo luns 22 e martes 23 faranse as avaliacións da ESO, 1º de bacharelato e Ciclos formativos. Pensando xa no próximo curso e na preinscripción dos que acceden ao IES por primeira vez, Bogo explica que levaron os sobres de matricula fisicamente aos centros de referencia que son Os Casais, O Ramo e Centieiras. Cos sobres cubertos poñen un día e hora para que se entreguen no centro a partir do 2 de xullo.

Próximo curso

Collerá todo o alumnado fisicamente no IES de Fene o próximo curso, se se levan a cabo as medidas de distanciamento? “ Será complicado. Non hai de momento ningunha instrucción oficial ao respecto” contesta Daniel Bogo quen repara nun detalle indicativo. Na oferta educativa de FP indícase que o número de alumnos por aula debe ser de 22 como máximo. “O mesmo que era ata agora”. O 16 de setembro empezará o curso 2020-2021 e, se non hai outra instrucción, empezará como sempre. IES Fene oferta ciclos de Soldadura e caldereiría; Electromecánica  ou de Mantenemento de veículos e outro ciclo medio de Instalacións frigoríficas e climatización. A maiores ofertan dous cursos para adultos, de Mantenemento e Calor, pensados para xente que traballa.

Cultura

Publica o teu comentario agora