Fotografías de hórreos e da vida rural

Fotografías de hórreos e da vida rural
20 de Febreiro, 2023 - 10:31 h. | Publicada por Radio Fene

Tes fotografías antigas de hórreos ou de labores do mundo rural en Magalofes? Se nolas prestas, as dixitalizaremos e quedarán no Arquivo municipal de Fene. Retornarán nun prazo de vintecatro horas aos seus propietarios. Con todas esas imaxes e con fotografías artísticas de Xan Xe dos hórreos, Son Radiofusión prepara, en colaboración coa Asociación Veciñal de Magalofes, unha exposición que queremos realizar no mes de xuño no local da entidade cidadán. Preténdese poñer en valor un elemento singular e valioso da arquitectura popular galega.

ESCOITA O PODCAST:

O arquitecto Iago Lestegás fala da importancia dos hórreos como exemplo da arquitectura popular galega.

 http://173.255.131.18/audio/160223LESTEGAS.mp3

A riqueza cultural dun país queda á vista tamén na súa arquitectura popular. Construcións como hórreos, cruceiros, fornos e petos de ánimas están en risco polo abandono do rural galego. A súa principal función era gardar o grao e agora xa non se cultiva e cando se fai utilízanse outros sistemas de almacenamento. Ao non ter uso, arruínanse. E iso a pesar de que os construídos antes de 1901 están protexidos coa declaración de Ben de Interese Cultural pola Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Preto de nós, na parroquia de Magalofes hai trinta. A primeira vez que se soubo deles en Galicia foi no século XIII, pero a chegada do millo de América xeneralizounos no XVII. O número de pés do hórreo era un sinal da riqueza da casa. A estética e materiais empregados para construílos son distintos en cada zona. E os nomes tamén. O hórreo é a construción realizada despois de longo tempo observando a forma de almacenar, secar e conservar o gran, o cal esixe unha boa ventilación, illamento e protección da humidade, ademais dun adecuado sistema de defensa contra insectos, roedores e paxaros. Existen distintas formas de hórreos: redondos, cadrados, octogonales, rectangulares e até en forma de «L».

Na imaxe, un dos hórreos fotografados por Xan Xe.

Cultura

Publica o teu comentario agora