Fueron los celos

Fueron los celos

25 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As malas noticias cunha cartolina vermella. As boas novas cunha verde. Mulleres voluntarias lían diferentes informacións acerca da violencia de xénero. As mulleres concentradas respondían ás prácticas dos medios de comunicación dese xeito tan visíbel.

Unhas 200 persoas reuníu a Marcha Mundial das Mulleres en Fene (A Coruña) este 25 de novembro, nun acto moi participativo no que se reclamou aos medios de comunicación que nos comportemos como unha ferramenta máis na loita contra a violencia machista. A praza do Ameneiral acolleu este acto que comezou cunha sentida lembranza de Ana Paz "Anita", recentemente falecida, impulsora e activista da MMM de Ferrolterra.

Este dia mundial de loita contra a violencia machista xiróu arredor das malas prácticas que os medios de comunicación desenvolven en relación con este problema social. O morbo nos platós de televisión, titulares nos xornais como "Fueron los celos", a utilización de fontes que nada aportan ás noticias, o relatorio mecánico cada mes do nº de víctimas ou a sua inclusión nas páxinas de sucesos, dan boa conta, segundo se desprendeu das intervencións de onte, de que non abordan a violencia de xénero co rigor que deberan.

A MMM ilustrou esta realidade, a falta de compromiso dos medios, cunha consulta ás persoas presentes no acto de Fene para que, diante da lectura dunha noticia calificasen, utilizando un papel verde ou vermello, se se trataba dunha boa ou mala práctica informativa. Cabe dicir que o panel das malas prácticas gañou por goleada.

No acto aludíuse á "Declaración de Compostela", un decálogo de principios aprobados por iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia nunhas Xornadas organizadas no ano 2007. Uns principios que os profesionais dos medios debemos coñecer e poñer en práctica.

Sociedade