Futuro das pensións

Futuro das pensións
18 de Novembro, 2022 - 02:48 h. | Publicada por Radio Fene

Son noticia as pensións, que en Fene cobran máis de 3.700 persoas. No Campus industrial de Ferrol falouse esta mañá do seu futuro. O Consello Galego de Relacións Laborais, a Facultade de Ciencias do Traballo e o Colexio de Graduados Sociais da Coruña e Ourense organizaron a xornada “A protección das pensións de xubilación: perspectivas actuais e de futuro”. Participou na xornada Juan José Rodríguez Gude, responsable do INSS e da Tesourería Xeral da Seguridade Social na provincia de Lugo ao que entrevistou Radio Fene.

ESCOITA O PODCAST:

O futuro das pensións interesa tanto a pensionistas como a traballadores en activo. Segundo as estatísticas da Seguridade Social, no mes de outubro había case 300.000 pensionistas na provincia da Coruña. E a pensión media non chegaba a 987 euros. No concello de Fene hai 3.746 pensionistas. O importe da pensión media en Fene é maior que a media provincial. Está en algo máis de 1.301 euros. E o desembolso que fixo a Seguridade Social para pagar pensións a feneses pasou dos 4,8 millóns de euros en outubro. Na provincia o importe total que pagou a Seguridade Social o mes pasado pasou de 295 millóns de euros. Sobre o futuro máis inmediato das pensións, Rodríguez Gude explicou que para o ano que vén non está pechada, polo momento, a porcentaxe de suba das pensións, porque se toma como referencia a inflación rexistrada a finais de novembro, pero explicou que a Lei garante que subirán o IPC.   

Sociedade

Publica o teu comentario agora