A galiña da miña veciña pon máis ovos que a miña

A galiña da miña veciña pon máis ovos que a miña
21 de Febreiro, 2021 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

Os ovos son un dos grandes sustentos da humanidade. Cocíñanse de mil maneiras, non todo é tortilla española ou francesa. Están moi presentes no refraneiro popular e na tradición menciñeira galega. Acúsanos de subir o colesterol pero cantos catarros curaron aqueles ponches de xemas de ovo verquidas sobre o leite quente con azucre e chorro de coñac.

Ovos: Corpo máis ou menos esférico que depositan as femias de todas as aves, réptiles, peixes e insectos. Son moi nutritivos e estimados como mantenza. Polo xeral, son o prato preferido dos españois, segundo as estatísticas. Entre os nenos trunfan os ovos fritidos. Os máis comúns na mesa son os ovos de galiña, os de aves criadas en liberdade, cebadas con gran de trigo ou de millo, e ás que antigamente se lles botaba tamén cunchas de mexillón ou esqueletes de choco para que picaran neles e afiar así os peteiros co fín de atinar mellor coas miñocas.

Fritidos en abondoso aceite son os “ovos á española” que inmortalizou o pintor Diego Velázquez no seu famoso cadro “Vella fritindo ovos” que repousa na Galería Nacional de Escocia en Edimburgo. Outros famosos son os denominados “duelos y quebrantos” que ceaba Don Quixote. estes son ovos con torresmos das chairas da Mancha. Os ovos fritidos non deixaron nunca de estar de moda malia estar perseguidos polos médicos a causa do colesterol. Por iso hoxe un prato de ovos fritidos con patacas e chourizo, e un bo anaco de pan para mollar na xema, cómense con sentimento de culpa.

Moito éxito teñen na actualidade nas taperías os “ovos rotos” un xeito de pasalos pola tixola volta e volta e rompelos sobre unha cama de patacas acompañadas de tiras de xamón e pementos vermellos. Non esquecer os ovos ao prato, con chícharos, espárragos, chourizo e xamón.

Entre as tradicións relacionadas cos ovos recuperamos a da Mariña de Lugo onde non se tiran as cascas de ovo no lume porque con elas asaron ao médico e sabio San Lourenzo na grella. San Lourenzo é o patrón de Foz que celebran o 10 de agosto. Ese día, co ceo limpo, pódese mirar a choiva de estrelas, chamadas bágoas de San Lourenzo.

Os “ovos pasados por auga” teñen a súa ciencia e hai que ser precisa no tempo de cocido. Pónse auga a ferver con sal e pementa moída para que non escachen. Botanse os ovos na auga fervendo durante tres minutos esactos antes de arrefrialos na billa da auga fría. A clara ten que estar apenas callada e a xema totalmente líquida na que se pode mollar o pan. Cando cocemos os ovos entre dez e doce minutos estes pasan a ser “ovos duros” propios das ensaladas ou para os ovos recheos.

Xa di o refrán:

Toma ovos dunha hora.

O pan daquel mesmo dia.

O viño que teña un ano.

Algo menos a galiña.

Tamén están os “ovos poché” escalfados en auga sen que chegue a ferver, é dicir, cocidos a menos de 100º. E aínda os “ovos escalfados” Fanse escachando os ovos e botándoos na auga a piques de ferver cun chorro de vinagre. Mantelos aí ata que calle a clara e retiralos.

Os ovos están moi presentes no refraneiro popular galego porque non podía ser doutra maneira dado o seu peso na nosa alimentacion. Acabamos como empezamos, cun refrán popular ben bonito e cantarín: “A galiña da miña veciña pon máis ovos que a miña”.

 

(Na imaxe, cadro de Diego Velázquez “Vella fritindo ovos”)

Cultura

Publica o teu comentario agora