Galicia abraza a Venezuela

Galicia abraza a Venezuela
26 de Xuño, 2026 - 02:31 h. | Publicada por Radio Fene

Solidariedade ante a desesperación e impotencia que se vive en Venezuela tras os dous graves terremotos que deixaron centos de mortos e milleiros de feridos nunha terra que acolleu tantos emigrantes galegos. A alcaldesa Sandra Permui presidiu a concentración realizada diante da Casa do Concello de Fene e tivo ocasión de coñecer de primeira man información da situación que lle contou unha veciña de Fene orixinaria de Venezuela.

ESCOITA O PODCAST:

“Venezuela está de loito”, contaba Corina Padrón moi afectada pola desgraza que vive o seu país de orixe. Encolle o corazón escoitar a narración desta veciña de San Valentín sobre a situación que se vive estes días en Venezuela. Agradece a solidariedade recibida de España e lembra que se precisan alimentos, roupa e maquinaria para rescatar persoas atrapadas baixo os entullos de edificios caídos.

A alcaldesa Sandra Permui expresou a solidariedade e o cariño do pobo de Fene coas vítimas e lembrou os estreitos lazos que unen Galicia con Venezuela. O Concello de Fene, igual que outros da comarca como Neda, Ferrol ou Valdoviño, secundaron esta mañá o minuto de silencio convocado pola Federación Galega de Municipios e Provincias. 

 

Institucional

Publica o teu comentario agora