ACTUALIDADE
-
Novas
Novas sobre programas, emisoras,... Todo o mais actual e de interese nesta sección.
-
Radio á carta
Escoita online os podcasts dos teus programas favoritos de Radiofusion.
Praza Alcalde Ramón Souto s/n, 15500 Fene (A Coruña) Galicia - Tfno. 981 492 773 - noticias@radiofusion.eu
Facebook
Twitter
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, considera pouco axeitado que o sector pague a redución do 25% da cota de determinadas especies por falla de datos científicos. As comunidades autónomas valoran moi positivamente a proposta feita pública pola UE de incrementar a cota do lirio ata a acadar cifras semellantes ás que había antes de que se reducira nun 93% esta cota causando graves prexuízos para a frota da Galicia durante o ano 2011
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asistiu hoxe en Madrid ao consello consultivo de Política Pesqueira previo ao vindeiro Consello de Ministros de Pesca da UE que se celebra en Bruselas o vindeiro xoves día 15 e no que se debaterán os TACs e cotas para o vindeiro ano 2012. Galicia trasladoulle ao Ministerio a postura consensuada coas comunidades autónomas a pasada semana cando se mantivo un encontro dos distintos representantes das autonomías en materia pesqueira de España para abordar unha estratexia de intereses comúns da frota de cara a que o MARM a defenda en Bruxelas o vindeiro xoves.
A postura que manteñen as comunidades autónomas, propón que se rexeite a idea preventiva da UE de reducir o 25% as cotas daquelas especies das que non se conte con informes científicos. A maiores oponse á arbitrariedade da porcentaxe deste recorte que oscila entre o 15 e o 25% sen sustentarse, aparentemente, en ningunha base. Defenden, pola contra, un sistema de recollida de datos de especies pesqueiras máis exhaustivo e coordinado pola Comisión Europea que permita contar cunha base real da situación dos caladoiros que dea pé a tomar decisións acordes coa realidade e que se teñan en conta, ademais, os factores sociais e económicos dun xeito equilibrado.
Así mesmo, rexéitase que a proposta de TACs e cotas eleborada pola Comisión Europea sexa realizada na procura do rendemento máximo sostible (RMS) para o ano 2015, posto que o conxunto das comunidades autónomas entenden que “este horizonte é totalmente inasumible por parte das frotas españolas”. No caso concreto da frota que faena no caladoiro do Cantábrico Noroeste, a postura consensuada das comunidades autónomas discrepa da redución dos días de actividade para a frota afectada polo plan de recuperación da pescada que pasarían de 158 a 150 para todo o ano e que suporían unha merma que se vén a engadir á limitación que impoñen os TACs.
En canto ás especies, as comunidades rexeitan a proposta da Unión Europea de reducir a cota da pescada do norte xa que choca totalmente coa proposta de aumento de cota que fai o ICES. O mesmo ocorre co rape e coa cigala no banco de Porcupine, do que Europa propón unha baixada do 25% alegando que a información que se ten sobre o estado da especie é deficitario.
O caso do aumento das cotas da pescada sur nun 15%, do rape nun 110% e do gallo nun 8% son valorados positivamente. Tamén se valora positivamente a proposta para o xurelo –que se mantén- e, especialmente, a relativa ao lirio. Esta última especie foi recortada o ano pasado nun 93% e para este ano proponse un incremento que aproxime a cota a cifras semellantes á que había antes dese recorte. No caso da cabala continúa sen facerse pública a proposta pero as comunidades agardan que sexa incrementada. Neste sentido, cabe lembrar que os informes dos biólogos son optimistas e permitirían un mantemento das cotas desta especie.