Galicia, a segunda comunidade na que máis subiu o paro en decembro

Galicia, a segunda comunidade na que máis subiu o paro en decembro

03 de Xaneiro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

O paro segue medrando en Galicia por riba da media estatal. Mentres que no conxunto do Estado o número de desempregados/as se incrementou, no mes de decembro, en 1.897 persoas, en Galicia inscribíronse 4.818 novos/as parados/as, só por detrás da comunidade de Castela-León. A contratación experimentou unha espectacular caída e dos novos contratos asinados só un 6% foron indefinidos.

A CIG denuncia que esta situación constata a paralización do mercado de traballo e “a incapacidade do goberno do PP, á fronte da xunta de Galiza, para pór en marcha políticas de apoio aos sectores produtivos para favorecer a creación de emprego”, afirma o secretario confederal de Emprego, Antonio López Rivera.
2011 01 04 datosparoGaliza

O paro incrementouse en todos os sectores, especialmente na Construción, onde a suba foi do 7%, fronte o 3,1% na media estatal; Industria, onde medrou un 4% fronte o 1,8% no conxunto do estado e Servizos, onde subiu o 0,3% cando diminuíu no estado nun 0,4%.

Xunto a isto, Rivera considera que é especialmente preocupante a caída da contratación indefinida. No mes de decembro só se asinaron 47.658 novos contratos, dos que unicamente o 6% foron indefinidos. Isto supón unha caída da contratación indefinida dun 21% respecto do mes de novembro e do 37% respecto do mes de decembro de 2010.

A situación, para o secretario confederal de Emprego é “crítica”, porque non se consegue frear a constante perda de emprego e os novos contratos que se asinan son temporais. “Perdemos emprego estrutural porque a Industria segue a ser un dos sectores máis castigados e o pouco que se crea é temporal, co que aumenta tamén a precariedade”.

López Rivera é contundente na súa crítica ás políticas que está a desenvolver a Xunta de Galiza. “Só hai medidas de recorte e ningunha que vaia dirixida a favorecer a creación de emprego. Tampouco se articulan políticas de apoio aos nosos sectores produtivos. O mercado de traballo está paralizado. Así, situación non fará máis que empeorar e seguiremos perdendo emprego”.

Sociedade