Galiza Nova de Lugo celebrou un xantar en Baltar con motivo do Día da Patria

Galiza Nova de Lugo celebrou un xantar en Baltar con motivo do Día da Patria

19 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A organización xuvenil do BNG escolleu o escenario da praia da Riboira de Baltar, no concello de A Pastoriza, para reunirse nunha comida popular que congregou a unha trintena de persoas.
O evento tivo lugar o pasado sábado 17 e enmárcase dentro das actividades que os nacionalistas están a desenvolver antes do 25 de xullo, Día da Patria.

Os nacionalistas xuntáronse unha semana antes da celebración do Día de Galiza para compartir un xantar de confraternidade no entorno da praia fluvial de Baltar. O bo día e o ambiente de festa, pola coincidencia co Festival da Chaira, marcaron a xornada do sábado.

Á xuntanza non faltaron diversos cargos institucionais do BNG da comarca así como de Galiza Nova. Entre eles, o responsable comarcal da organización xuvenil nacionalista en Lugo, Rubén Arroxo; o responsable nacional de organización de Galiza Nova e membro do Consello Nacional do BNG, Lucía López Sobrado así como distintos militantes e simpatizantes de concellos da comarca de Lugo- Centro, A Fonsagrada, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, Sarria, Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza ou A Pontenova.

Esta é unha das múltiples actividades e iniciativas que leva a cabo Galiza Nova e que xiran arredor do Día da Patria. Dende a organización tamén teñen previstas varias charlas informativas sobre a importancia que debe ter para tódolos galegos o festexo do 25 de xullo.

Sociedade