Gastronomía, música e baile no aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

Gastronomía, música e baile no aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido

24 de Xuño, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O vindeiro 1 de xullo remata o prazo para anotarse no xantar popular que organiza a Liga de Amigos de Barallobre dentro dos actos do aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido. O menú será a base de entremeses, zarzuela de marisco e peixe, carne asada, postre, pan e viño. O prezo por persoa ascende a 32 euros.

No entorno da sociedade e baixo carpa, celebrarase o vindeiro 4 de xullo o xantar popular do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido, un xantar que este ano se fai coincidir co encontro dos Barallobre, aínda que a participación está aberta a tódolos veciños e veciñas que desexen acudir. Para anotarse, cómpre pasar polo local da Liga de Amigos de Barallobre antes do vindeiro 1 de xullo, en horario de 19 h. a 21.30 h., o mércores e o venres, e 16 h. a 20h, o martes da vindeira semana.

As actividades do 75 aniversario do Monumento ao Camiñante Descoñecido comezarán, o vindeiro 4 de xullo, ás once e media da mañá, cun pasarrúas dende o local da sociedade ate o Monumento ao Camiñante Descoñecido. Alí se fará a tradicional ofrenda floral coa participación este ano de Xosé Neira Vilas, o único escritor vivo dos doce aos que se ten adicado un banco no monumento.

De volta á sociedade, celebrarase un festival folclórico no que participarán a banda de gaitas “Fontornela” de Mera, a agrupación folclórica “Donas e Galáns” de Ferrol e o grupo de baile “Bolboretas” da Liga de Amigos de Barallobre. Xa pola tarde, tralo xantar, anúncianse distintas actividades de deporte rural e xogos tradicionais, unha grande churrascada a partir das 20h. e, como peche de festa, un festival folclórico no que tomarán parte as cantareiras de “Bolboretas”, o grupo folk “Estimaba que viñeras” e a gaiteira Cristina Pato.

Sociedade