Gatos de rúa

Gatos de rúa
16 de Marzo, 2023 - 02:40 h. | Publicada por Radio Fene

Un equipo de persoas voluntarias colaboran co Concello de Fene na xestión das colonias felinas para que o numero de gatos de rúa non se dispare e garantir o benestar dos animais porque “vivir na rúa ten perigos”. Falamos do seu traballo no programa A Fenestra co concelleiro de Medio Ambiente, Justo Martínez Ardá, e con Luisa Pita, unha das persoas voluntarias que colabora co Concello de Fene

ESCOITA O PODCAST:

O Concello instalou recentemente dúas casetas nas colonias felinas na zona urbana de Fene. Un avance na xestión das colonias felinas do que nos informou o concelleiro Ardá. “Tiñan ubicadas  unhas que eran artesanais e, para dar máis visibilidade, mantendo ademais unha uniformidade, puxemos un par de casetas do Concello en dúas colonias, unha na zona do Eroski e outra pola costa do Calvario, detrás do BBVA e se funciona ben poñeremos máis”, anunciou. “Paréceme estupendo, nós tiñamos unhas casetas pero o ideal é isto, están sinalizadas polo propio Concello e iso é fundamental para que a xente o coñeza”, apuntou Luisa Pita. “Ninguén desexa que isto se encha de gatos, pero hai que intentar desterrar prexuízos como que son especie invasora ou unha ameaza para a biodiversidade”, sinala a voluntaria. “O esencial é a información e a conciencia dos particulares, as colonias son un xeito ideal de controlar que non vivan en malas condicións. Moitas veces as camadas indesexábeis proceden de gatos de particulares que non están castrados”, asegura. A xestión das colonias felinas faise seguindo o método CER, siglas que significan Captura, Esterilización, Retorno. As persoas coidadoras non só se ocupan da alimentación dos animais, tamén de que sexan esterilizados para evitar un crecemento exponencial dos gatos que viven nas rúas. Quen queira sumarse “o único que teñen que facer é vir polo Concello e cubrir unha documentación”, indicou o concelleiro de Medio Ambiente. 



 

Sociedade

Publica o teu comentario agora