Gatos felices

Gatos felices
09 de Febreiro, 2023 - 12:09 h. | Publicada por Radio Fene

Cando un gato sofre estres maniféstase en problemas como obesidade ou perda de pelo. Tamén noutros signos menos evidentes. “Un gato que se esconde ou durme moito máis que antes, ten problemas de exceso de nerviosismo ou agresividade”. En Radio Animal abordamos esta semana o tema do Enriquecemento Ambiental Felino coa veterinaria e etóloga Noemí Graña 

ESCOITA O PODCAST:

“Permitir que os gatos se comporten como gatos fai que se adapten ao entorno” resume Noemí Graña en Radio Fene. O Enriquecemento Ambiental Felino conta con cinco piares, segundo a Asociación Internacional de Medicina Felina, explica a experta. Consisten en “crear lugares seguros para os gatos, que teñan os recursos básicos (comida, auga e bandexa de area) en número e localización adecuados, permitirlles realizar condutas de caza e depredación a través do xogo, as interaccións cos humanos teñen que ser predecibles e positivas, tamén se debe crear un ambiente que sexa respectuoso co seu sentido do olfacto”. Para favorecer o seu benestar pódense tomar distintas medidas.  Para eles son lugares seguros elementos como “caixas, sobre todo en lugares altos, como estanterías ou baldas elevadas, gústalles ver o entorno sen ser vistos”. Cando hai varios gatos ten que haber sempre un comedeiro, bebedeiro  e caixa de máis. “Teñen que iniciar e finalizar eles a interacción. Que importante é isto e que pouco caso lle facemos! Cada gato ten a súa sociabilidade de maneira individual, igual que nós, se quere vir vén se non quere vir non imos molestalo. E cando se cansa dos mimos hai que parar”, destaca. Sobre os olores, “a cama é preferible lavala por partes, non toda xunta, que a area estea sempre limpa, non quitar as súas marcas olfactivas”  

Sociedade

Publica o teu comentario agora