A gloria do Mestre Mateo

A gloria do Mestre Mateo
07 de Agosto, 2021 - 07:00 h. | Publicada por Radio Negreira

O Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, acometido entre os anos 2006 e 2018 pola Fundación Barrié e a Catedral de Santiago de Compostela, supuxo non só un considerable reto para as institucións promotoras, senón tamén un acontecemento de singular importancia no campo da historia da arte e da conservación artística dos últimos anos. O proxecto foi financiado pola Fundación Barrié, cun investimento de máis de seis millóns de euros.  Agora, complétase o proxecto coa publicación de Pórtico da Gloria. Unha restauración. Bótase en falla unha edición en galego, necesaria por respeto ao que significou o Mestre Mateo na construción da Galicia medieval. 

Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela

En 220 páxinas e 150 fotografías, o libro repasa os doce anos e as máis de 50.000 horas de traballo para recuperar o esplendor desta obra magna do século XII. As fotografías elixidas, moitas delas inéditas, son testemuña do dramático estado no que se atopaba a obra antes do inicio do proxecto; dos traballos de intervención realizados e os seus avances para, finalmente, presentar o magnífico resultado final. Unha serie de imaxes do antes e despois en páxinas enfrontadas permiten apreciar a beleza das esculturas esculpidas en pedra cos seus abundantes motivos decorativos e policromía conservada.

Para a edición deste volume, a Fundación Barrié contou coa prestixiosa casa editorial Assouline, recoñecida internacionalmente pola elegancia e extraordinaria calidade das súas publicacións. 

A edición de coleccionista, pertencente á serie Legends de Assouline, está limitada a 1.000 exemplares de gran formato, fabricados a man nun taller de encadernación de Italia e presentados nun estoxo revestido de seda. As súas dimensións son de 35x28x4 centímetros e 3,55 quilos. Co obxectivo de facer o libro accesible a un público máis amplo, a Fundación Barrié editou unha segunda edición, pertencente á serie Icons de Assouline, de menor formato. As súas dimensións son de 27x18,5x2 centímetros e 1,2 quilos.

O libro empeza cun prólogo escrito por Gaël de Guichen, membro do Comité Científico do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, quen tamén é asesor do Director Xeral de ICCROM (The International Centre for the Study of the Preservation and Restoration of Cultural Property). Deixando por un momento en suspenso a marabilla estética, calquera peregrino, visitante, profano ou entendido pregúntase como foi posible chegar a este resultado sen engadir nova pintura sobre a superficie do Pórtico, tal como aseguran os guías do monumento; tal como insisten unha e outra vez os técnicos; tal como aseveran, en fin, os promotores, a Catedral de Santiago de Compostela e a Fundación Barrié. Este libro, entre outras cousas, quere dar conta destes misterios.

A Fundación Barrié e a súa aposta pola divulgación 
Este libro segue ademais o ronsel doutras accións de divulgación emprendidas pola Fundación Barrié antes, durante e despois do Proxecto de Conservación Preventiva e Restauración do Pórtico da Gloria, como as visitas na obra, que permitiron a máis privilexiada visión da obra a todo o público interesado, e as exposicións internacionais, que pretendían concienciar á sociedade da importancia do Pórtico no contexto do románico, o primeiro movemento de arte internacional europeo. Finalizado o proxecto, a Fundación Barrié quixo pór a disposición de tanto os visitantes da obra como aqueles a os que non lles sexa posible vela directamente unha visión detallada de todo o conseguido, a través dunha app descargable de forma gratuíta en Apple Store e Google Play e que permite acceder a un Pórtico dixitalizado en resolución gigapíxel, acompañado por narrativas en forma de storytelling entre outros contidos. Este libro achega outra aproximación, a que permite unha impresión coidada a cargo dunha editorial de recoñecido prestixio dedicada á produción de volumes de exquisito acabado: libros que son xoias como o é, dentro da arte universal, a obra que neste caso se presenta. 

Cultura

Publica o teu comentario agora