Google non vai mirar polo galego

Google non vai mirar polo galego
13 de Abril, 2021 - 10:27 h. | Publicada por Radio Fene

Presentouse publicamente o domingo a plataforma de agregación e distribución de contidos dixitais agora.gal. Falamos co seu encargado, David Fontán. 

ESCOITA O PODCAST:

agora.gal pretende aportar valor aos proxectos que apostan polo galego, aumentando o tráfico das súas webs. O encargado desta plataforma, David Fontán, defende que era moi necesario crear este lugar porque é complexo chegar a contidos en galego. Existiu no seu momento chuza pero era un agregador con compoñentes distintos. "Este é máis social. agora.gal ten aparencia de medio e contidos organizados por seccións” defende Fontán , para significar que a diferenza é relevante, que é algo novo.

A plataforma agora.gal ten un alto grao de automatización. Eles saben quen son os creadores. Os contidos que entran pasan ao seu servidor. “Pódese facer un filtrado ou un ordenamento dos contidos” afirma David. A rendibilidade económica non é o fin último de agora.gal porque non é o oficio dos creadores, non viven disto. Pretenden, iso si, que sexa sustentable e dalgunha maneira compense o tempo dedicado. Para iso está a publicidade das empresas galegas que se anuncian.

A saúde da nosa lingua na rede non é todo o boa que debera. Na sociedade descende o número de falantes, pero en Internet hai unha cantidade inxente de proxectos en galego. Fontán defende que a rede é un espazo no que ir xerando atracción cara ao galego, sobre todo entre os falantes novos. “Google non vai favorecer o galego. Nós non agardabamos que houbera tanta cantidade de cousas de interese e en galego. Hai sorpresas agradábeis” afirma.

Os retos dos promotores de agora.gal a partir de agora, despois da presentación do domingo, son novas seccións e novos formatos. Hoxe teñen reunión para ver como desenvolver as novas ideas. E por suposto, seguir integrando proxectos. “Desde o domingo entraron 30 proxectos novos a contemplar. Xerou interese”.

Sociedade

Publica o teu comentario agora