Gran cita atlética

Gran cita atlética
10 de Novembro, 2025 - 04:59 h. | Publicada por Radio Fene

A Carreira Popular “Volta á Ría – Memorial Adolfo Ros”, unha das probas máis emblemáticas do calendario deportivo de Ferrolterra presentouse publicamente esta mañá. A cita, organizada este ano polo Concello de Neda coa colaboración de Fene, Ferrol e Narón, celebrarase o domingo 14 de decembro e mantén aberta desde hoxe a inscrición a través da web www.carreirasgalegas.com.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño presidiu esta mañá a presentación. O acto celebrouse ao pé da Torre do Reloxo, onde tamén se deu a coñecer o cartel da proba, obra da ilustradora Blanca Escrigas.  A “Volta á Ría” é unha media maratón de 21 quilómetros que percorre tramos urbanos dos catro municipios organizadores, e que figura no  calendario oficial da Federación Galega de Atletismo. A saída e a meta estarán situadas en Neda, no Camiño do Regueiro, preto dos accesos á AP-9. A carreira absoluta comezará ás 10:00 horas, con apoio da Garda Civil de Tráfico, das Policías Locais e das Agrupacións de Protección Civil dos catro concellos, que colaborarán na regulación do tránsito e na seguridade viaria.

Como cada ano, a organización prevé tamén probas infantís con distancias máis curtas, entre 50 metros e 3 quilómetros, para fomentar a participación da rapazada, ademais de modalidades adaptadas para persoas con discapacidade visual ou usuarias de cadeiras de rodas e handbikes. Os trofeos recoñecerán aos vencedores absolutos e tamén aos tres primeiros clasificados masculinos e femininos da media maratón residentes en calquera dos concellos organizadores, así como aos mellores de cada categoría.  O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de decembro ás 23:59 horas. A participación na carreira absoluta ten un custo de 7 euros, mentres que as probas para menores serán de inscrición gratuíta. Desde os concellos organizadores animan á veciñanza a participar e a apoiar unha proba que “non só promove o deporte e a vida saudable, senón que tamén reforza a colaboración entre os municipios da ría e proxecta a comarca como espazo deportivo e solidario de referencia”.

Adolfo Ros Rodal tiña 30 anos cando faleceu. Era ATS, nadador e karateca. Perdeu a vida o 18 de agosto de 1985 ao acudir a salvar a un grupo de nenos que se afogaban na praia de Doniños. Logrou salvar a un, outros bañistas rescataron a outros dous, e tres faleceron xunto a Adolfo agotado tras o esforzo de manter a flote a un neno durante media hora. Na súa memoria os Concellos da comarca instituiron o Memorial Adolfo Ros, unha das carreiras atléticas de máis sona de Galicia.

 

Deportes

Publica o teu comentario agora