A grande empresa está parada

A grande empresa está parada
10 de Marzo, 2021 - 12:02 h. | Publicada por Radio Fene

Folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal nesta significada data do 10 de Marzo. Ás 10 da mañá xa estaba paralizado o polígono industrial de Río do Pozo e os piquetes informativos percorrían a outra gran área industrial de A Gándara de onde parte a manifestación ás 12 do mediodía. “A grande empresa está parada” afirmaba a esa hora o portavoz comarcal da CIG, Manuel Grandal a Radio Fene, citando a dúas grandes como Navantia e Megasa.

A manifestación saiu con paraugas ás 12 da mañá

Grandal felicitou aos traballadores e traballadoras que entenderon a importancia desta folga e que fixeron que os piquetes fosen meramente informativos. Era cedo para coñecer as cifras do seguimento nos servizos públicos como o Ensino ou a Sanidade, aínda que Grandal agardaba que só funcionasen os servizos mínimos “que sempre son máximos” apuntou.
A media mañá Radio Fene realizou un percorrido pola comarca e polo polígono industrial da Gándara arredor das once da mañá para palpar o seguimento da folga. A maioría das naves pechadas e as persianas botadas daban conta do amplo eco da convocatoria. Dous furgóns de antidisturbios da Policía Nacional circulaban en labores de vixilancia entre o hipermercado Alcampo e o Centro Comercial Odeón. Nos Concellos e no transporte funcionan os servizos mínimos. En Fene o seguimento no comercio e na hostalería é practicamente total. O orballo apareceu a media mañá na comarca e contribuíu a estender un certo ambiente de melancolía.

Sociedade

Publica o teu comentario agora