A granxa Garabullos de Cospeito, unha alternativa de vacacións para os máis pequenos

A granxa Garabullos de Cospeito, unha alternativa de vacacións para os máis pequenos

05 de Xullo, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A granxa Garabullos do Concello de Cospeito ven de presentar, para a última semana do mes de xullo, unha dobre oferta para o seu campamento de verán. Por unha banda, descontos no prezo da matrícula e pola outra un sorteo dunha fin de semana nos arredores da comarca.

As vacacións trasládannos á época estival e o verán leva asociada a palabra praia. Porén, en Cospeito, os máis pequenos poden pasar uns días de ocio dunha forma orixinal e distinta, participando no día a día do traballo da granxa de Garabullos.

Rapaces de entre 4 e 14 anos teñen a posibilidade de pasar unha semana na que os animais, os xogos na natureza, as xincanas, os obradoiros, o teatro, as observacións de estrelas ou as sesións de cine son os verdadeiros protagonistas.

Para animar ós máis pequenos e ás súas familias a participar nesta iniciativa, a granxa Garabullos deseñou unha programación especial para o período do 25 de xullo ó 1 de agosto. Trátase de aforrar custos na matrícula, chegando ós 210 euros para aqueles rapaces que vaian acompañados dalgún amigo. Os pais tamén poden beneficiarse coa posibilidade de participar nun sorteo dunha fin de semana con alonxamento, pensión completa e actividades na comarca.

O prazo de inscrición continúa aberto ata completar o máximo de 50 prazas.

Sociedade