A Guerra Civil no obxectivo dos irmáns Mayo

A Guerra Civil no obxectivo dos irmáns Mayo

20 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A sala de exposicións da Casa da Xuventude de Ares (praza da Constitución) acollerá entre o martes 25 e o 7 de febreiro a mostra “Hermanos Mayo. La Guerra Civil Española”. Trátase dunha exposición de carácter itinerante organizada pola Deputación Provincial, coa colaboración do Ministerio de Cultura, que chega á vila aresana despois de percorrer algún dos municipios de A Coruña. 

A exposición recolle arredor dun cento de imaxes inéditas da Guerra Civil realizadas polos fotógrafos galegos integrantes do colectivo Hermanos Mayo –os irmáns Paco, Cándido e Julio Souza Fernández e os tamén irmáns Faustino e Pablo del Castillo Cubillo-.  

As fotografías, que durante máis de sete décadas estiveron nos arquivos da Biblioteca Nacional, foron recuperadas pola institución que preside o socialista Salvador Fernández Moreda para formar esta exposición, que está a percorrer os diferentes municipios da provincia interesados na mostra. Trátase de imaxes en branco e negro dos combatintes da 43 División, dos presos republicanos no cárcere de Carabanchel, das trincheiras do Ebro, do fronte de Guadalajara e de Madrid, ás que se suman outras que reflexan a realidade social do país en guerra.

A exposición poderá visitarse no horario de apertura da Casa da Xuventude; é dicir, de martes a xoves de 10.00 a 14.00 horas, e os venres, sábados e domingos, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas. A entrada é libre e de balde.

Cultura