A guerrilla na Historia de Mugardos

A guerrilla na Historia de Mugardos

18 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

A guerrilla e a represión do franquismo son aspectos ampliados na terceira edición da Historia de Mugardos que ven de ver á luz, editada polo Concello mugardés, coa colaboración da Deputación da Coruña. A vila pode gabarse de formar parte do selecto club das localidades de Galicia que contan con historia publicada, somentes o 7% dos 315 Concellos, segundo indican os autores do libro, os historiadores Miguel Rodriguez e Juan Carneiro.

No libro relátase o episodio vivido polo veciño de Mugardos Juan Vázquez (Anido) nos anos da posguerra. Na súa casa de Meá construiuse unha cova soterrada, como refuxio para os guerrilleiros antifranquistas. Entrábase por medio dunha trampilla camuflada que era moi dificil de atopar, mentras que a saída, á que se chegaba por un pasadizo que atravesaba a estrada, localizábase na beira de enfronte.

 

No ano 1951, o 18 de xullo, a Garda Civil fixo unha redada na casa, para atopar a cova e localizar os guerrilleiros que alí se agochaban. Ante a imposibilidade de lograr o seu propósito, intentaron queimar con gasolina todo o edificio, o que sen dúbida terían feito de non ser polo auxilio prestado polo tenente coronel da garda de fronteiras Juan de Miguel Vilar, que vivía preto de alí. O militar argumentou que perigaba a súa facenda e que polo tanto procedesen á localización da cova sen utilizar métodos tan expeditivos. Mentres tanto, aproveitando o momento da confusión, os tres guerrilleiros que estaban escondidos -Josefa Gallego Abeledo, Julián de la Rosa e José Freire Barcia- puideron sair do escondite e fuxir. 

Cultura