Guillerme Vázquez pide a Feijóo que desbloquee a situación das caixas

Guillerme Vázquez pide a Feijóo que desbloquee a situación das caixas

30 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, mantivo onte unha reunión cos representantes da súa formación que manteñen gobernos e cogobernos na provincia de Lugo, entre os que se atopaban os dos concellos chairegos de A Pastoriza e Castro de Rei. O obxectivo da xuntanza foi coñecer de preto o traballo que están a levar a cabo nos municipios. Ademais, Vázquez tamén visitou a sé da vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, c

Na visita, Vázquez referiuse á situación na que se atopa a posible fusión das caixas de aforro galegas. O líder nacionalista fixo unha valoración do estado actual das conversas afirmando que “seguimos asistindo a un espectáculo sen parangón en ningún lugar do Estado, onde ao parecer os directivos das caixas están máis empeñados en ver cal vai ser o seu futuro que o futuro económico do noso País”.
A chave para “desbloquear a situación das caixas” está en que o presidente do Goberno galego “exerza a súa autoridade política” e “en aplicar a Lei de Caixas” en todos os seus termos, considerou o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

Desde o BNG, enfatizou, “seguimos dicindo que a fusión ten que producirse, ten que ser equilibrada e paritaria, e o que menos importa é quen dirixe a caixa fusionada”. “O que lle interesa aos galegos e galegas é para qué se fai a fusión das caixas e ten que ser para estar ao servizo da economía deste País que ben o necesita”, explicou.

“Seguimos lamentando que Núñez Feijóo, como presidente da Xunta, siga sen exercer a súa autoridade política. Debe exercela para conseguir que isto avance dunha vez por todas”. Para o líder do BNG, Feijóo “non pode seguir á marxe do que está pasando, ten que implicarse, porque ten ferramentas para facer avanzar esta fusión xa e, dende logo, ten que desenvolver dunha vez por todas a Lei de Caixas e aplicala, en todo aquilo que non está recorrido polo Goberno central”. “Ten ferramentas ao seu dispor. Que as utilice”, engadiu.

Guillerme Vázquez sinalou tamén que Feijóo ten que demandar “a retirada do recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de Caixas, porque esa petición está avalada pola maioría do Congreso dos Deputados”.

Voto emigrante

En relación ao voto emigrante, afirmou que “o principio polo que apostamos é o de que se resides, decides”. O líder do BNG valorou como “pequeno avance, pero insuficiente” o acordo da Subcomisión do Congreso en función do cal os residentes ausentes non terán dereito ao sufraxio nas eleccións municipais.

Guillerme Vázquez comezou a xornada sendo obxecto dunha recepción institucional na Deputación de Lugo por parte do vicepresidente desta institución, o nacionalista Antón Bao, e o deputado do grupo provincial do BNG,  Antón Veiga, quen lle ofreceron información sobre as actuacións realizadas polas áreas nacionalistas na institución provincial.

Visita á Exposición sobre Castelao

A seguir este acto, visitaron, no Museo Provincial de Lugo, a exposición titulada “Castelao: a derradeira lección do mestre” organizada pola área de Cultura da Deputación de Lugo, que abranxe mostras da obra do autor do Sempre en Galiza, nun percorrido entre 1936 e 1950, mentres estivo exiliado.
“Aproveitando a visita que estou facendo aos compañeiros da Deputación, acábame de sorprender gratamente esta exposición sobre Castelao, que pon en valor a súa figura en toda a súa extensión”, sinalou o portavoz nacional. “Paréceme que é un traballo aínda necesario neste País poderlle contar á xente o que significou unha persoa como Castelao, cando resulta unha evidencia como desde certas instancias de poder se tenta caricaturizar a súa figura para reducila ao papel de simple debuxante con chascarrillos nos seus comentarios”, dixo. “Estamos falando, nada menos, que do pai do nacionalismo galego, político e ideolóxico; unha figura importantísima que convén revitalizar e que a xente debe coñecer en toda a súa extensión”, afirmou o portavoz nacional.

Institucional