Guillerme Vázquez, portavoz do BNG: Eu nunca lle din unha patada nos dentes a ninguén por falar castelán

Guillerme Vázquez, portavoz do BNG: Eu nunca lle din unha patada nos dentes a ninguén por falar castelán

19 de Maio, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, lamentou hoxe que a Xunta responda á manifestación en defensa do idioma do 17 de maio --con máis de 20.000 asistentes segundo a Policía Nacional e máis de 50.000 segundo A Mesa-- coa "segregación" do alumnado segundo o seu idioma en "apartheids lingüísticos" e a "vía da prepotencia" co anuncio da derrogación do actual decreto do galego.

O titular de Educación, Jesús Vázquez Abad, e o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, deixaron aberta onte a posibilidade de estudar a segregación do alumnado por criterios idiomáticos. Así, o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, considerou hoxe que esta afirmación demostra que o nomeamento de Anxo Lorenzo --antigo colaborador na Xunta do bipartito-- evidencia "unha imposición con vaselina" do novo decreto que regulará o uso do galego no ensino. Por otro lado, destacou que a manifestación do domingo foi un "primeiro paso masivo" e unha mostra de que "grande parte da sociedade quere vivir en galego e está disposta a facer retroceder" as políticas da actual Xunta neste ámbito. Por iso, avogou por "recuperar o consenso que rompeu o PP antes e despois" do 1 de marzo e recomendou á Xunta que "non se pode facer unha política baseada" nos sectores máis extremistas do electorado" xa que "existen votantes do PPdeG que si queren" o galego.

 


Finalmente, esixiu "dar resposta aos textos que xa existen" como o Estatuto de Autonomía en lugar de facer "declaracións constantes de amor" e "impoñer" o programa electoral, ademais de avogar por "unha igualdade real" entre ambas as dúas linguas e non unha imposición.

Sociedade