Guitiriz, USC e Fundación Ázkar Lugo F.S. organizarán un seminario sobre a comunicación e o deporte para xullo

Guitiriz, USC e Fundación Ázkar Lugo F.S. organizarán un seminario sobre a comunicación e o deporte para xullo

21 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O Concello de Guitiriz acollerá un seminario da Universidade de Verán da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Os días 17, 18 e 19 de xullo na Casa Habanera e no Telecentro da vila, profesionais de prestixio da comunicación nacional e local impartirán o curso “Comunicación e Deporte”. Esta formación é unha iniciativa do propio municipio chairego,

Segundo estableceron Eugenio Rodríguez, director do seminario e profesor da USC, e Óscar Hermida, xerente do Azkar Lugo F.S., o curso contará con 13 conferenciantes e unha mesa redonda con 4 relatores. Neste seminario tocaranse cuestións relacionadas co tratamento da información deportiva nos medios ou o sensacionalismo nesta área da prensa diaria. Dirixida a persoas que se movan neste ámbito profesional, xa sexa por estudios ou por traballo, os principais obxectivos, segundo Rodríguez son “o coñecemento da práctica informativa no deporte ademais de crear un espazo para a reflexión e o debate sobre este sector do mundo da comunicación”.

Esta non é a primeira vez que a Universidade santiaguesa e a Fundación Azkar Lugo F.S. colaboran. O ano pasado, na localidade de Mondoñedo, xa fixeron unhas xornadas deste tipo, que resultaron “moi satisfactorias” para amosar as diferentes relacións entre o universo da información e o deporte, como dixo Rodríguez. A escolla de Guitiriz foi “sinxela”, tal e como admitiu o profesor da USC, porque “xa estiveramos en contacto co Concello para facer un campus de verán, e non o pensamos moito. En Guitiriz atopamos todo tipo de facilidades para levar a acabo esta iniciativa”.

O xerente da Fundación Azkar Lugo FS e do propio club lugués, Óscar Rodríguez, loubou á vila lucense, xa que dixo que “era o lugar ideal para facer este curso”, ademais de estar “ilusionados nun proxecto que seguro que contará cunha boa acollida”. A concelleira de Cultura do municipio chairego, Sandra Freire, considerou que esta formación universitaria era algo perseguido polo concello e que dará “pé para que os nosos veciños poidan cursar estes seminarios e que a xente de fóra poida coñecer Guitiriz”.

A alcaldesa guitiricense, Regina Polín, estableceu que esta formación é “unha aposta” da Casa Consistorial para “dar un paso adiante e mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de ser unha boa ferramenta para a promoción de Guitiriz.

O curso terá unha duración de tres días e custará, aproximadamente, entre os 40 euros para os estudantes e persoal da USC e os 70 para o resto. A aqueles alumnos universitarios que se inscriban e cumpran coas horas daráselles un crédito de libre elección.

Convenio Ázkar FS-Escolas Deportivas

O Ázkar Lugo FS e o Concello de Guitiriz asinaron a segunda parte do acordo para o subministro de material e asesoramento ás escolas deportivas da vila. O concello aportará un investimento de 600 €, mentres que o resto da inversión será cousa do club de fútbol sala de Lugo. Ademais, gracias a esta sinatura, os veciños de Guitiriz terán vantaxes para asistir aos partidos do equipo e acudir aos adestramentos do Ázkar. A edil chairega, Regina Polín, agradeceu o labor de Manolo Martínez á fronte das escolas deportivas e ao equipo lucense e animou ao resto dos concellos da bisbarra a que “se sumen a convenios deste tipo, porque teñen pouco custo e moitas vantaxes”.

Sociedade