Habaneras, batukada e concerto

Habaneras, batukada e concerto
12 de Xullo, 2022 - 08:24 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Fene continúa coas celebracións enmarcadas no ciclo  ‘Xullo, mes da Patria’. Toda esta semana, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá diversas actividades como o Festival de Habaneras que volve a celebrarse logo de dous anos de pandemia.

As corais polifónicas da SCRD Agarimo de Sillobre e da ACRD O Pote de Maniños, xunto coas rondallas Estrelecer do CMI Unidade de Fene e Perla do Río do CCRD de Perlío subirán este martes, 12 de xullo, ao escenario nunha nova edición do Festival de Habaneras e Canto Coral. O certame, organizado pola Concellería de Cultura de Fene no marco do ciclo do Día da Patria Galega, dará comezo ás 20.30 horas na carpa instalada a carón do Concello. O programa continuará o mércores, 13 de xullo, ás 20:00 h, cun pasarúas a cargo de Trópico de Grelos Afro + Axé Danza pola Avenida do Concello, Avenida de Naturais e Marqués de Figueroa. Presentarán Bloco Afro, un dos espectáculos de rúa máis soados de Trópico de Grelos. Xa o o xoves 14 de xullo, ás 21:00 horas, a praza do alcalde Ramón José Souto González acollerá o concerto de Blues do País e Sindicato da Verbena, un grupo formado por Bieitta James, a grande Diva Rural (Iseo Agilda) e Pepe King, o Bluesmanciño que acompaña (Brais das Hortas). Xuntos versionan clásicos do Blues, Soul, Rhythm’n’Blues... adaptándoos á idiosincrasia e retranca galegas. Todas as actividades serán con entrada libre e de balde.

Cultura

Publica o teu comentario agora