Hai que apretarse o cinto

Lemos "En deuda" de David Graeber, co profesor Noel Blanco
16 de Setembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

"En deuda. Una historia alternativa de la economía" de David Graeber, antropólogo e activista (1961 Nueva York, Estados Unidos- 2 de septiembre de 2020 Venecia, Italia)

ESCOITA O PODCAST:

Escoia aquí ao profesor Noel Blanco

http://173.255.131.18/audio/160520BLANCO.mp3

No espazo “Viaxe polos libros” de Radiofusión, o mugardés Noel Blanco, profesor na Universidade de Chicago (EEUU) convídanos á lectura dunha das obras de máis peso de David Graeber, “En deuda. Una historia alternativa de la economía” (2012). O libro aparece nun momento importante, despois da crise de 2008 e das políticas de austeridade. “O que parecería un tocho de máis de 700 páxinas sobre economía convértese nun libro pensadísimo para un público moi amplo” aclara Noel Blanco coa intención de que non nos fiemos das aparencias. E precisamente por aí vai a obra de Graeber. Desactiva ideas absolutamente blindadas como: “Gastamos moito” ou “Hai que apertarse o cinto” demostrando que son ideas falsas.

Define Noel Blanco a “En deuda” como unha especie de historia política da idea de débeda. "Introdúcenos en conceptos que son moi complexos pero el enche o relato de anécdotas, exemplos e conceptos sociais e filosóficos que o fan moi accesible e moi ameno".

Empeza trasladándonos unha das súas revelacións “Nós somos o 99%. Como oposición o 1% acumula a maior parte da riqueza”. Acaba demostrando de que xeito se relacionan a débeda pública e privada; como a débeda pública está relacionada coa imposibilidade de desprenderse da  débeda privada. A débeda como elemento de control social, de creación de empobrecemento e precarización dunha grande parte da poboación, afirma Blanco.

Graeber encárgase de desmontar algúns mitos defendidos por teóricos da economía, como os que teñen que ver co nacemento do troco e do diñeiro, según o autor, moito máis ligados á violencia e á guerra do que pensábamos. A obra afonda nos motivos ancestrais que nos conduciron ata a actual situación de crise económica, resultando unha historia alternativa da economía desde o punto de vista da débeda.

David Graeber ​ foi un antropólogo e activista estadounidense, unha persoa destacada do movemento Occupy Wall Street e profesor de antropoloxía na London School of Economics (LSE) no momento da súa morte. O seu último libro, El amanecer de todo: una nueva historia de la humanidad, escrito con David Wengrove, publicarase no outono de 2021. A súa perda, hai unha semana, aos 59 anos de idade, lamentouse globalmente.

(Na imaxe recente, o profesor Noel Blanco con Anxos García Fonte)

Cultura

Publica o teu comentario agora