As herdanzas orais dos avós de Esmelle

As herdanzas orais dos avós de Esmelle

28 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Concello de Ferrol vén de editar un total de mil exemplares de “Herdanzas dos nosos maiores-S.XX”, unha publicación que se enmarca dentro das actividades e iniciativas impulsadas pola asociación Val de Esmelle ao abeiro do denominado Proxecto Esmelle, recoñecido polas Nacións Unidas. A concelleira de Benestar Social, María López,  presentará esta tarde a obra no local da asociación de veciños x

María López subliñou o carácter didáctico da publicación para a aprendizaxe doutras xeracións, toda vez que contribúe a coñecer o antigo modo de vida da poboación, as súas tradicións, lendas ou contos, así como bailes, celebracións, etc. O volume ve a luz grazas ao traballo realizado pola licenciada en Humanidades Fátima Ferreira Golpe, quen no ano 2008 comenzou a realizar gravacións a veciños da parroquia de Esmelle de máis de 70 anos. Aínda así, xa no ano 1999, tres mozos da parroquia, en base a un programa municipal, realizaron tamén entrevistas destas características que tamén se recollen agora. Unha selección das mesmas, reproducidas respectando a linguaxe e expresión do entrevistado, recóllense agora nesta publicación, que inclúe fotografías do arquivo de Serafín Lorenzo, propiedade da AVV de Esmelle e outras que foron donadas polos veciños. 

A edil destacou o labor que está a desenvolver nos últimos anos esta entidade co recoñecido Proxecto Esmelle, que desde hai seis anos trata de recuperar o patrimonio etnográfico (muíños, fontes, lavadoiros...), natural (bosques de ribeira, bosques autóctonos...) e o patrimonio inmaterial, no que se encadra a publicación “Herdanzas dos nosos maiores-S. XX”. Con ela, saen á luz as tradicións doutra época, recuperadas a través da conversa pausada e emocionada dos maiores. Vivencias daqueles que residen ou residiron (algúns dos entrevistados xa faleceron) no Val de Esmelle, que viviron no século XX a maior parte da súa existencia e que deixaron en moitos casos vivencias e costumes que hoxe xa desapareceron e que as xeracións máis novas descoñecen, polo que deben ser protexidas e transmitidas ás novas xeracións.

Todas as gravacións transcritas neste volume están ordeadas por temáticas que abarcan desde os costumes deste veciños, aos traballos que realizaban, festas, relixión, etc. Un traballo para conservar este patrimonio, de grande valor, para a posteridade. A obra en distintas seccións: unha primeira denominada “Aparicións, feitizos e lendas”. Nela, fálase da Noite de San Xoán, do Libro das Profecías que tiña un menciñeiro das vacas ao que chamaban cando unha delas enfermaba, ou da Santa Compaña. As vodas (como se celebraban, a que idade casaban as mozas, de que cor se vestían as noivas, etc), centran a segunda das temáticas, que se completa con entrevistas sobre “As Cencerradas”, o “Comercio” (as tabernas que había, tipo de xentes que ía a elas, produtos que se vendían nas tendas do bar, etc.) ou a Escola (onde estaba situada, quen era o mestre, cancións da escola, os graos que había ou que estudiaban). O resto das temáticas recollidas fan referencia aos Muíños (as pezas que tiña, a cales ían, que tipo de xeito ía a elas pola noite, que era o que máis se moía ou se eran comunais, entre outros aspectos); ás Vendas en Ferrol (que produtos se levaban para pór á venda e onde, se tiñan que ir a pé, días determinados nos que ían á Praza..) e ás Comidas (con que se comía o pan, como era o caldo, que se comía o día do patrón ou como se conservaban os alimentos).

Ademais “Herdanzas dos nosos maiores-S. XX” ofrece información dos xogos desa época (a cales xogaban, quen os facía, etc), sobre a Guerra e a Postguerra e “O Cruceiro e Curas” (onde estaba a igrexa, en que lingua se oficiaba a misa...); as “Festas e Bailes”, “Carreteras e Camiños”, “Traballo” (a que hora entraban en Bazán, en que se traballaba, os xornaleiros, pescadores, zoqueiros, etc.), “Agricultura” (propiedades que se tiña, como se pagaba a renda, se tiñan animais na casa..).

Cultura