Historia da navegación

Historia da navegación
23 de Xaneiro, 2025 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

O Museo Naval de Ferrol leva case corenta anos aberto. Naceu como testemuña da vinculación da Armada con Ferrol. Unha visita que recomenda a técnica de Turismo Estefanía Purriños.

ESCOITA O PODCAST:

Inaugurado o 5 de marzo do 1986, no antigo Cuartel de Presidiarios, o Museo Naval ten pezas moi interesantes nas súas salas e ata no corredor da entrada onde podemos observar unha grande colección de áncoras de varias épocas históricas, considerada como a mellor do mundo pola cantidade e diversidade, explicou en Radio Fene Estefanía Purriños. Pero hai moito máis que ver neste centro museístico, como detallou. Mascaróns de proa, maquetas de barcos, antigos e recentes; a recreación da entrecuberta dun galeón que cubría a ruta comercial Filipinas – Nova España, uniformes e armas históricos, o caderno de apuntes de Isaac Peral, tamén restos da fragata Magdalena afundida en Viveiro e instrumentos náuticos. Pezas moi interesantes que podemos apreciar nun Museo ao que se pode acceder sen pagar entrada. Horarios: de martes a venres de 9:30 a 13:30 horas. Sábados, domingos e festivos: 10:30 a 13:30.

Cultura

Publica o teu comentario agora