Historia da Terra

Xeoparque do Cabo Ortegal
03 de Novembro, 2024 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Dous dos Xeoparques Mundiais da UNESCO están en Galicia. Son o das Montañas do Courel, na provincia de Lugo, e o do Cabo Ortegal, que obtivo a declaración o ano pasado. Recibiu este recoñecemento da UNESCO en consideración ao valioso patrimonio xeolóxico da zona que permite coñecer como se formou a Terra. Do valor que ten o Xeoparque do Cabo Ortegal e como podemos apreciar a súa riqueza falounps en Radio Fene a técnica en Turismo Estefanía Purriños.

ESCOITA O PODCAST:

No Xeoparque do Cabo Ortegal hai catalogados 52 lugares de interese xeolóxico, 6 deles son de relevancia internacional. O seu ámbito xeográfico está definido polos límites de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño, Ortigueira e Valdoviño. Uns 799 km2 de superficie, entre eles 167 de fronte marítima. No seu territorio hai rochas, como o Toelo, a pedra verde de Moeche, que normalmente se atopan a 70 quilómetros de profundidade. Froito do lento proceso de nacemento e desaparición da gran cordilleira Varisca e polo movemento das placas tectónicas do planeta que aínda continúa. “A peculiaridade radica en que na superficie atópanse rochas que normalmente están no manto terrestre, é dicir, a uns 70 km de profundidade”, explicou Estefanía. “Isto débese á formación da maior cordilleira montañosa que existiu na historia, fai mais de 350 millóns de anos, un conxunto de montañas mais elevadas que o Himalaia”.

Para coñecer o Xeoparque, a técnica en Turismo recomenda apuntarse a algunha das Xeorutas que normalmente se ofrecen na Semana Santa e no verán. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora