Homenaxe a Pitusa

Homenaxe a Pitusa
24 de Marzo, 2023 - 02:33 h. | Publicada por Radio Fene

“O que ela merecía, por todo o que fixo pola sociedade”. Hai moitos motivos para lembrar a María Xesús Arias, Pitusa. Por iso, un grupo de amigos están cos preparativos dunha  homenaxe cando está a punto de cumprirse o primeiro cabodano do seu pasamento. Recordarana nun xantar que terá lugar o día 15 de abril, no local da asociación do Pote, en Maniños “unha entidade moi vencellada de sempre a Pitusa e á que ela lle tiña especial apego”. Falamos da iniciativa en Radio Fene, onde deixou tan fonda pegada Pitusa, con dúas das persoas que están a organizar os actos, Emilio Romero e Ana Santiago, presidenta da asociación veciñal de Limodre 

ESCOITA O PODCAST:

“O día 15 de abril imos facer un xantar con amigos e coñecidos que queiran participar. Os que queiran, poderán ler algún tipo de recordo, haberá tamén algunha actuación musical, ademais imos facer unha exposición con fotografías, traballos, libros e artigos de Pitusa. E o día 8 se vai levar un ramo de flores ao cemiterio coincidindo co cabodano de Pitusa”, informa Emilio Romero. “Era un sorriso permanente, creo que é o que mellor a define”, lembra emocionada Ana Santiago, “apoiaba todas as iniciativas das sociedades, sempre respostou a todas as propostas que lle fixemos mesmo facendo propostas, era supercolaborativa, apoiando en todo colaborando, amable, simpática e unha profesional como a copa dun pino”. “Unha homenaxe merecidísima, é normal que nos lembremos dela. Esperemos que estea á altura do que ela lle gustaría que fora”, asegura Emilio.

 

Sociedade

Publica o teu comentario agora